
FERROL360 | Venres 4 marzo 2022 | 9:11
Na actualidade existen distintas liñas de axudas para mercar, alugar e rehabilitar unha vivenda, que poden supoñer un incentivo interesante para a veciñanza e os concellos. Co obxectivo de ofrecer unha información práctica e áxil sobre os distintos programas dispoñibles, a Xunta de Galicia organiza un encontro informativo en Ferrol para abordar as convocatorias vixentes.
A sesión, que leva por título Construíndo Fogar, terá lugar o vindeiro luns 7 de marzo, ás 10.30 horas, na Delegación Territorial de Ferrol. No encontro participará persoal do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), que informará de xeito pormenorizado sobre a trintena de axudas existentes e resolverá as dúbidas das persoas asistentes.
Nesta cita pode participar o público en xeral e están convocados os concellos, empresas e entidades do sector de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Entre as entidades convidadas figuran os colexios oficiais de arquitectos, enxeñeiros técnicos e peritos agrícolas, empresas inmobiliarias, xestores de comunidades de veciños e da propiedade e asociacións de empresarios e da construción.
Os requisitos que deben cumprir as persoas ou institucións beneficiarias de cada axuda, os trámites a realizar para acceder ás convocatorias, tanto as que están abertas como as pendentes de publicar, son algunhas das cuestións a tratar na sesión informativa.
O persoal do IGVS dará conta dos programas dispoñibles para fomentar a rehabilitación de vivendas, tanto os dirixidos a particulares como aqueles que se destinan exclusivamente aos concellos. Entre outras, abordaranse as axudas á área de rehabilitación supra municipal dos Camiños de Santiago, que inclúe a Ferrol, Neda, Fene, Cabanas e Pontedeume, municipios polos que discorre o Camiño Inglés.
Tamén se especificarán as diferentes subvencións que existen para facilitar o acceso a unha vivenda en réxime de compra ou de alugueiro. No caso da adquisición de vivendas, existe unha liña específica para mercar nos centros históricos de Ferrol, Mugardos, Neda e Pontedeume.
Desde a Consellería de Medio Ambiente valoran estes encontros informativos como necesarios e fundamentais para dar a coñecer a existencia das liñas de subvencións dispoñibles en materia de vivenda.
O departamento autonómico busca con esta proposta animar ás posibles persoas beneficiarias a presentar unha solicitude, ofrecendo información directa e útil, así como brindar o acceso aos recursos públicos ao destinatario final dos mesmos: a sociedade galega.