FERROL360 | Sábado 25 xullo 2015 | 15:12
Vale que nas caricaturas non se destacan precisamente os nosos rasgos máis fermosos e non son a imaxe máis bonita e perfecta de nós, pero si son graciosas, divertidas e moi coñeras. Nalgún momento da nosa vida todos, ou case todos, quixemos ter unha caricatura. Individual, en parella ou mesmo co can, hainas para todos os gustos, e este domingo podemos levarnos unha gratis.
Seis profesionais do humor gráfico, algún procedentes de Portugal, instalaranse na Galería Sargadelos, o Parador de Turismo e o Café Avenida, para realizar retratos gratuítos a todas as persoas interesadas. Será ao longo de toda a mañá.
A Festa da Caricatura é unha iniciativa do Club de Prensa de Ferrol, que ademais no transcurso da xornada entregará o premio do Primeiro Certamen de Caricatura Cidade de Ferrol. Hai un total de 16 finalistas, que opran a un premio de 600 euros e un trofeo.
A entidade pretende que esta Festa teña continuidade no tempo e que Ferrol reúna, unha vez ao ano, aos mellores caricaturistas, moitos dos cales traballan nos medios facendo xornalismo gráfico.