Publicidad

Este luns arranca a campaña de vacinación fronte á gripe en 32 puntos sanitarios da comarca

FERROL360 | Domingo 18 outubro 2015 | 14:02

«No inverno morren máis galegos por gripe que por accidentes de tráfico», este é o lema da nova campaña de vacinación fronte á gripe que arranca este luns. O obxectivo da mesma é diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecer esta enfermidade.

A poboación que se debe de vacinar fronte a gripe son os maiores de 60 anos e os que pertenzan a algún grupo de risco. Poderán facelo nos 32 puntos de vacinación da área sanitaria ferrolá, centros de saúde, consultorios e hospitais. En todo caso, o persoal sanitario do centro de saúde facilitará as indicacións oportunas.

A campaña prolongarase ata o día 19 de decembro e a vacina ofértase de xeito continuo nos puntos sanitarios ó longo das vindeiras nove semanas. Dende a área sanitaria ferrolá lembran que existen sistemas de citación habilitados para a administración da vacina, polo que non é necesario acudir masivamente ós centros nos primeiros días.

Quen se debe protexer fronte á gripe?

A poboación a vacinar na Xerencia Integrada de Ferrol achégase ás 50.000 persoas. Aos maiores de 60 anos ofertáraselles a vacinación antigripal de xeito sistemático e a vacinación antipneumocócica se non estivesen aínda vacinados fronte ó pneumococo.

Tamén se deben vacionar os grupos con maior risco de padecer complicacións derivadas da gripe, ou ós que esta lles poida provocar unha descompensación na súa condición médica.

Nestes grupos, inclúense as persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares, respiratorias, neuromusculares; as persoas con enfermidades metabólicas, renais, hepáticas ou hematolóxicas crónicas, con inmunodeficiencias, ou con obesidade mórbida; persoas inmunodeprimidas; e as mulleres embarazadas nas que o seu embarazo coincida coa temporada de gripe.

Indícase tamén aos grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco, como son os traballadores de centros sanitarios e sociais; os estudantes en centros sanitarios; ou tanto aqueles que conviven como os coidadores de persoas pertencentes ós grupos de risco.

Empregaranse dúas vacinas, unha para poboación xeral, e outra indicada en poboación maior de 75 anos ou que viven en residencias. Ambas son moi seguras e as reaccións que poden producir adoitan ser lixeiras e pasaxeiras. Ademais, aínda que afecta a moi pouca xente, haberá tamén unha vacina específica para as persoas con alerxia severa ó ovo.

Na campaña do pasado ano, a porcentaxe de vacinación na Xerencia Integrada de Ferrol sitúase no 52,4 %.