FERROL360 | Luns 11 agosto 2014 | 17:17
A Comisión Cidadá Pola Recuperación de Ferrol Vello organiza a segunda xornada informativa sobre o Plan Especial de Protección de Ferrol Vello na que abordaranse os aspectos económicos do documento. A cita, aberta a todos os cidadáns, terá lugar este martes a partires das 20:00 horas na Praza Vella.
Nesta xornada trataranse os beneficios fiscais aos que poderían acollerse os propietarios cando se aprobe definitivamente o Plan. Beneficios coma rebaixas dos valores catastrais dos inmobles catalogados, a posibilidade de exencións no IBI e no Imposto de Plusvalías, e as reduccións nos importes a pagar polas licenzas de obras.
Tamén se falará da viabilidade económica, tanto da rehabilitación dos inmobles .en base ás subvencións previstas para as obras de rehabilitación-, como das actuacións públicas de novas dotacións e de reurbanización de rúas e prazas.
Con estas xornadas a Comisión Cidadá Pola Recuperación de Ferrol Vello pretende que os veciños coñezan e debatan os aspectos máis salientables do documento que vai rexir nos vindeiros anos a ordenación urbanística do barrio.