FERROL360 | Venres 19 xuño 2015 | 20:00
As lendas da Pena Molexa contan a historia dun feitizo no que unha bela fada, ou unha moura, segundo as diferentes versións, se converteu nunha rocha na noite do solsticio de verán. Esta rocha atópase preto do Castro de Vilasuso e a Pena Lopesa, e alí precisamente celebrase cada ano esta iniciativa organizada pola Asociación de Veciños “Irmandiños” do Val e o Concello de Narón.
O programa de actos arrancará ás 18:00 horas, deste sábado, con xogos populares e deporte rural. Ás 20:30 horas actuará o Grupo de Gaitas do Padroado do Concello de Narón e a partir das 21:00 horas repartiranse as primeiras racións de churrasco Molexo e do bocata Lopeso. O grupo de música Zoadeira actuará ás 22:30 horas e a continuación os asistentes dirixiranse á Pena Molexa.
Así, ás 00.00 horas comezará a tradicional representación das lendas. Nelas cóntase que, cada ano pola noite de San Xoán, a muller déixase ver na zona ata que alguén acabe co feitizo. Os actos rematarán cunha lumeirada que estará amenizada polo Dúo Boreal.