FERROL360 | Venres 5 maio 2017 | 10:47
Mostra dos maios, actuacións dos musicais dos grupos das Escolas do Padroado da Cultura, chocolatada e a confección dunha gran alfombra floral na Praza de Galicia serán os actos centrais da programación do Día dos Maios, que deseñeou o Padroado da Cultura de Narón e colaboración coa Sociedade Cultural Areosa.
Entre as novidades previstas para este ano está a elaboración dunha gran alfombra floral na Praza de Galicia. O artista Leandro Lamas será o encargado de realizar o deseño sobre o que poderán traballar -na colocación da flor- as persoas que así o desexen.
Con anterioridade, ás 16:30 horas, concentraranse no local social de Piñeiros os Maios que participarán este ano na festividade coa que se homenaxea a chegada da primavera. Media hora máis tarde, partirá unha comitiva desde Piñeiros ata a Praza de Galicia, percorrendo un tramo da estrada de Castela ata praza.
Xa ás 18:00 horas comezarán as actuacións dos grupos das Escolas do Padroado da Cultura e os integrantes da Sociedade Cultural Areosa ofrecerán aos asistentes un chocolate, a partir das 18:30 horas, tamén na Praza de Galicia.
A vicepresidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e o presidente da Sociedade Cultural Areosa (de Piñeiros), Bruno González, presentaron esta mañá en rolda de prensa os actos programados con motivo da celebración do Día dos Maios, o vindeiro 6 de maio. O Padroado da Cultura deseñou unha completa programación, tal e como recordou Ferreiro, que inclúe.
Éxito de participación
A vicepresidenta do Padroado, Marián Ferreiro, salienta que «as veciñas e veciños de Narón poderán ver nesa xornada o intenso traballo realizado por persoas de diferentes idades que, a través dos locais sociais ou dos colexios, colaboran nas actividades programadas desde o Padroado da Cultura para continuar celebrando no noso concello esta festa popular galega».
E é que os Maios elabóranse tanto nas entidades veciñais e culturais da cidade como nos colexios. A implicación da veciñanza nesta festividade é un dos obxectivos marcados desde o Padroado da Cultura de Narón e, nesta ocasión, ao igual que en anos anteriores, resultou todo un éxito.
«Numerosas asociacións de veciños e entidades culturais, e algo máis de 1.300 rapazas e rapaces de centros educativos de Narón participarán nos obradoiros programados polo Padroado, polo que temos que agradecer especialmente a súa colaboración desinteresada para poder manter no tempo esta celebración», sinala Ferreiro.
Nos centros cívicos do Val e de Piñeiros organizáronse obradoiros de arte floral, para que os veciños e veciñas da zona urbana e rural realicen os seus propios Maios. Así mesmo, nos centros educativos programáronse unidades didácticas, dirixidas a escolares de Infantil e de primeiro e segundo de Primaria.
Participaron nesta proposta alumnado dos colexios Ayala, Virxe do Mar, A Solaina, Santiago Apóstol, Ponte de Xuvia, Jorge Juan, O Feal, A Gándara e Piñeiros, así como do CRA -O Val, Domirón, Sedes, Castro e Pedroso-.