FERROL360 | Martes 29 abril 2014 | 19:09
As mellores raquetas do panorama nacional danse cita en Cedeira no XXXIII Campeonato de España de Bádminton de Veteranos. A competición arrancará este venres e finalizará o domingo e congregará a máis de douscentos xogadores, así coma moitos seguidores deste deporte.
O escenario dos encontros será o pavillón polideportivo municipal –con nove canchas- e recurriráse ás instalacións do IES Punta Candieira –a escasos metros– como punto de apoio. A entrada ao recinto deportivo é libre.
O Campeonato está organizado polo Club Bádminton Cedeira coa colaboración da Federación galega e da estatal. Coa elección de Cedeira como sede do mesmo recoñécese a extraordinaria labor que a favor deste deporte leva a realizar o club local, cuxos deportistas nesta categoría atópanse entre os mellores de España.
«Unha ocasión única para dar a coñecer a vila», segundo explica o alcalde de Cedeira, Luis Rubido. Así, o Concello habilitará un stand de turismo no pavillón municipal polideportivo, epicentro da competición. Ademais, haberá visitas guiadas aos principais recursos como o casco histórico, San Andrés de Teixido, o Castelo da Concepción, a Garita da Herbeira ou a ermita de San Antonio.