FERROL360 | Mércores 20 maio 2015 | 12:35
No marco do programa Running para tod@s o Concello de Fene vén de programar unha serie de charlas gratuítas e abertas á veciñanza. Así, a primeira delas celebrarase este venres na Aula de Cultura ás 18:00 horas.
Ao longo de tres horas, abordarase a actividade e a educación física de base, a marcha e a carreira como habilidade motriz esencial e a situación do running na actualidade. Todo isto, baixo unha visión sanitario-sociolóxica.
As charlas continuarán o 29 de maio, no mesmo escenario e co mesmo horario. Neste caso, tratarase a valoración funcional como ferramenta de control no running, valoracións fisiolóxicas, de forza central-periférica e podométrica.
E pechando o ciclo, o 5 de xuño, o Concello programa a última charla na Casa da Cultura, tamén de 18:00 a 21:00 horas. Abordarase a alimentación, o soporte nutricional esencial na vida diaria e no deporte, así como o exemplo do running.
«Licenza para rir»
Por outra banda, o pasado martes os participantes no obradoiro «Licenza para rir» recibiron os seus diplomas. O obradoiro buscaba transmitir dende a alegría o goce do presente, proporcionando ferramentas coas que activar a risa propia, franca e saudable. En definitiva, unha actitude na vida de conciencia, con sentido do humor.
