REBECA COLLADO | Ferrol | Luns 2 xaneiro 2017 | 17:24
Horas antes de participar na terceira sinatura de libros na súa cidade natal, a escritora Eva Loureiro fai un pequeno oco para charlar con Ferrol360 sobre a súa primeira obra Predestinados. A escritora ferrolá asinará libros este luns de 18:30 a 20:00 horas en Parque Ferrol despois de ter participado en eventos similares en librerías do centro da cidade.
O primeiro volume da súa triloxía está tendo unha acollida moi boa a pesares e que o libro saíu publicado a finais de xuño e presentouse no mes de xullo «unha época malísima porque xa acabaran as promocións dos libros e estábamos en pleno verán, pero aínda así tivo boa acollida», comenta Eva. A autora asegura que está «gratamente sorprendida, agradecida e orgullosa».
FERROL360 – A protagonista da novela é ferrolá e mantén moi vivo o vínculo coa súa cidade. Como aparece Ferrol retratado no libro?
EVA LOUREIRO – Aínda que o libro non está centrado aquí, está narrado entre Nueva York e Tokio, Ferrol ten unha forte presencia. O libro está narrado en primeira persoa e é unha especie de memoria, entón fala da súa infancia, das súas vivencias e aí aparece Ferrol. Tamén en diferentes visitas que realiza á cidade, coma na súa lúa de mel. Ademais, a protagonista é artista, é fotógrafa, e o mar de aquí ten moita presenza na súa obra. É unha ferrolá de pro. Representa ás persoas que viven fóra e que sempre teñen esa morriña e falan da súa terra. Non é que idealice a Ferrol, porque visita a miúdo a cidade, pero a ten moi presente cando está fóra.
Á xente gústalle moitísimo que se fale de Caranza, de San Felipe e que aparezan as nosas praias, aínda que neste primeiro libro non aparece o nome de Ferrol en ningún momento e é algo premeditado. Pero a xente recoñece que se fala de Ferrol porque se fai referencia a Chamorro e o Pantín Classic, entre outros.
Tamén se fala de problemas de aquí, sobre todo nas personaxes secundarias, como da asbestose e cousas que a xente recoñece e coas que se sente identificadas. Por iso me preguntan se é unha autobiografía ou se está baseado en feitos reais, pero como din nas películas todo parecido coa realidade é mera coincidencia.
360 – Que puedes contarnos da novela sen desvelar demasiado?
EL – A protagonista é unha moza que se vai de Ferrol para estudar fóra e cando remata os seus estudos en Nueva York non quere regresar. Entón acaba traballando nunha revista como fotógrafa. Cásase cun home dunha familia rica, pero a vida lle da unha volta, o seu mundo rómpese e decide empezar de cero en Tokio. Non é unha novela de amor, é unha historia de superación contada desde un punto de vista optimista. O sentido de humor está moi presente na obra e o sentido de humor galego é algo que caracteriza a miña narrativa.
A xente está engacha porque é unha historia que che apetece saber que pasa despois. Os lectores teñen unha porra feita de como vai seguir o segundo libro porque o primeiro libro é redondo, as historias acábanse. Esperaban un final aberto e é sorprendente. Está narrado desde un punto de vista optimista e preténdese destacar que hai xente con bo corazón e que se recolle o que se colleita.
Tamén se tratan temas duros como a violencia de xénero ou como se ve a homosexualidade nas diferentes culturas. Toca moitos paos e iso é o que engancha á xente, que ri, chora e divírtese coa novela.
360 – Hai dous anos deixaches todo para perseguir o teu sono: escribir un libro. Como está sendo a experiencia?
EL – De forma moi positiva. Era unha aposta persoal e pensei ou o fago agora ou nunca, e decidinme. A miña traxectoria profesional está ligada ao mundo das letras, son licenciada en Filoloxía Portuguesa, e sempre me chamou e a literatura estivo presente na miña vida desde sempre. Está sendo moi positivo, non contaba con que o libro tivese boa recepcion, despois o tempo dirá. De momento, está sendo unha boa experiencia e poco a poco vaste facendo un oco, é un proceso longo.
Debate sobre el post