FERROL360 | Viernes 9 octubre 2015 | 18:46
A nedense Evangelina Barros, propietaria de Panadería La Nueva, recibiu este venres a Insignia de Ouro da asociación Iniciativa Empresarial del Noroeste Europa. Durante o acto, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, dixo que Barros era o «espello da Galicia das ideas, do esforzo, do risco e da perseverancia».
Este recoñecemento chégalle a Evangelina Barros despois dunha traxectoria na que, tras facerse cargo do negocio familiar, multiplicou por oito os traballadores contratados en apenas 15 anos, ata acadar os 86 empregados. Neste senso, gabou o «saber crecer facendo as cousas ben, con esforzo e seriedade, creando emprego» e apuntou a Barros como modelo da «Galicia que aspiramos a crear».
Conde resaltou que os establecementos postos en marcha pola empresaria «son hoxe sinónimo de forno, de sabor, e sobre todo, de calidade», e subliñou que a propietaria da Panadería La Nueva «sempre amosou estar disposta a responder a calquera desafío, por difícil que fóra», cambiando de país e de sector ao longo da súa vida profesional, e levando o negocio familiar «máis aló do que nunca fóra».
O conselleiro apuntou a Evangelina Barros como símbolo do emprendemento dos galegos «que apostan todo o seu coraxe a unha idea ou a un soño», un esforzo que, resaltou, é común entre os membros de IEN Europa, que con máis de 400 pemes e autónomos, xoga un papel fundamental en apoio do tecido empresarial da comarca.