
Cedeira reúne a 300 palilleiras na súa XX Xuntanza de Labores Tradicionais

O Polideportivo Municipal de Cedeira acollerá este sábado, 17 de outubro, a XX Xuntanza de Palilleiras e Labores Tradicionais, un encontro organizado pola Asociación de Mulleres Vila de Cedeira que reunirá arredor de 300 artesás de máis de 30 agrupacións e asociacións.
A xornada desenvolverase en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, cunha programación aberta ao público para coñecer de preto o traballo das palilleiras e doutras afeccionadas aos labores tradicionais. Ademais, haberá 15 postos de venda de traballos artesanais e materiais.
As participantes procederán principalmente de Ferrolterra e da Mariña Lucense, aínda que tamén acudirá unha agrupación de Cambados. Ao longo da mañá sortearanse agasallos doados por comercios e empresas da zona, mentres que pola tarde se entregarán premios á agrupación chegada desde máis lonxe e ás artesás de maior e menor idade.
O encontro rematará cun sorteo dunha colcha de patchwork elaborada pola asociación organizadora entre as participantes. A iniciativa busca preservar e compartir os coñecementos ligados aos labores tradicionais, ademais de contribuír á dinamización económica de Cedeira.
A organización e o goberno local animan a veciñanza e ás persoas da contorna a achegarse ao polideportivo para coñecer o traballo artesanal e desfrutar dunha cita que chega á súa vixésima edición.
