O grupo de música tradicional galega Encrucillada, formado por 6 músicos de distintos puntos da Ferrolterra (Ferrol, Fene, Neda, San Sadurniño e Valdoviño) que converxen neste proxecto que no ano 2024 volve ás orixes máis tradicionais e presenta novo disco: «De volta!» con temas bailables cos que amenizaron foliadas, festas e festivais de todo o país durante este verán. Percusións tradicionais, gaitas, acordeón, e saxo entre outros instrumentos, interpretados polos irmáns Alberto e Óscar Maceiras, Antonio López Lago e Javier Rodríguez Castro acompañan ás voces de Elena Díaz e Xoán Padín.
A presentación terá lugar o domingo 22 cun concerto no Teatro Jofre ás 19:00h. Nesta ocasión estarán rodeados de amigos e colaboradores coma o grupo de baile «Álvaro Cunqueiro» de Lago, os cantareiros da comarca do Ortegal «Os Carecos», as pandeireteiras «Algarabía», tamén de Lago, e con Emilio Romero Fabal como mestre de cerimonias.
A entrada será de balde e desde o martes xa se poderán retirar na billeteira do propio Teatro.
«De Volta» non é simplemente un disco, é unha homenaxe viva a todas aquelas persoas que, nun momento da súa vida, tiveron que deixar a súa terra, pero nunca esqueceron o camiño de regreso.