FERROL360 | Martes 17 maio 2022 | 21:42
A Concellería de Cultura do Concello de Ferrol anunciou a convocatoria de varias xuntanzas entre o 23 e o 25 de maio no Torrente Ballester para que a cidadanía e os axentes culturais fagan as súas achegas ao Plan Estratéxico da Cultura, un documento que está chamado a definir a acción cultural do Consistorio ata o ano 2029.
En paralelo, Ferrol en Común (FeC) anunciou tamén que levaría a cabo una serie de asembleas sectoriais para «establecer unha canle de comunicación directa co asociacionismo e a cidadanía, xusto o que non está a facer o Goberno municipal», critican. Comezaron escoitando á agrupación da Zona Rural para recoller as súas demandas, e agora tócalle a quenda ao sector cultural.
Trátase esta dunha «área a que FeC sempre lle deu a máxima prioridade por considerala unha das ferramentas de transformación, crecemento e elevación da auto estima máis importantes que poder ter a nosa cidade», en palabras do exconcelleiro de Cultura, Suso Basterrechea. A convocatoria é este xoves 19 de maio no Ateneo Ferrolán contra ás 19:30 horas.
Convidan aos axentes culturais e tamén a cidadanía en xeral que sinta unha implicación co mundo da cultural. Co gallo da proximidade en datas coa do Concello, Basterrechea, porén, asegura que «esta asemblea non vai en contra de nada nin de ninguén» e engade ademais que «sempre defendiamos que viñemos a tratar de reforzar aquelo que xa está en marcha, consolidado e institucionalizado, pero tamén viñemos apoiar aquelas propostas máis innovadoras e diferenciadas».
Insiste FeC en que o seu acto non está convocado coma un acto contra ningún proceso aberto polo Concello, senón que o seu obxectivo pasa por «fixar unha posición conxunta e establecer unha ferramenta que se consolide coma un órgano de participación continuo onde se escoiten de xeito habitual as propostas da área e as políticas culturais da cidade».
Cren que na actualidade o sector cultural está excluído e se sente ignorado por parte do Goberno local: «A cultura non debe acabar sempre nas mesmas mans, polo ben da mesma», puntualizan. O grupo local Far Away Place será o encargado da banda sonora cunha actuación ao finalizar a asemblea cultural de FeC.