FERROL360 | Xoves 26 novembro 2015 | 10:23
A mostra «Francisco Ibáñez, el Mago del Humor» inaugúrase este venres,, ás 20:00 horas, na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene. Asistirán o alcalde, Juventino Trigo, a concelleria de Cultura e Ensino, Amalia García, e unha das comisarias da mostra, Elena Vergara.
Ao remate do acto inaugural, realizarase unha visita guiada a cargo da comisaria da exposición. Ademais, os asistentes recibirán chapas conmemorativas, elaboradas por usuarios do centro ocupacional de Aspaneps de Fene.
Ás 21:00 horas, tras a inauguración e dando fin o ciclo «Novembro, Mes do Humo», as persoas que previamente recolleran a invitación poderán asistir ao último espectáculo Que Cousas do coñecido narrador e contacontos Cándido Pazó.
Visitas guiadas á exposición
Dende a Concellería de Cultura e Ensino do Concello de Fene convídase aos centros de ensino e entidades de calquera concello da comarca ou provincia a programar unha visita guiada á exposición.
A mostra, que poderá visitarse no Museo do Humor de Fene gratuitamente no mes de decembro e xaneiro, propón un percorrido pola obra do historietista Francisco Ibáñez, creador, debuxante e guionista dos personaxes máis célebres do tebeo español dende os anos 50 ata a actualidade.
A efectos organizativos, dende o Museo do Humor recoméndase aos centros escolares ou asociacións programar as súas visitas en días laborables en horario de mañá, do 9 ao 18 de decembro ou do 11 ao 22 de xaneiro. As datas e horarios de visita asignaranse por rigorosa orde de solicitude.
As reservas efectuaránse enviando un correo electrónico a: museodohumor@gmail.com.
Debate sobre el post