FERROL360 | Venres 29 abril 2016 | 12:17
Dúas citas relacionadas co mercado de proximidade e a artesanía chegan a Fene esta fin de semana.
O sábado terá lugar un novo Encontro de Artesáns e Palilleiras, organizado pola área de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa asociación O Tadetas. Agárdase que acudan unhas setecentas persoas para amosar as súas actividades relacionadas co fío e a agulla, como o patchwork, o gancho, a calceta e os bolillos.
Os visitantes poderán comprobar o traballo realizado polos artesáns de talla de madeira de Sillobre, da Asociación Euroeume, das fiandeiras de Lavandeira e da Escola de Encadernación de ASPANEPS.
O obradoiro de crochet será unha novidade no encontro deste ano. Os participantes achegaranse a esta técnica realizando un pequeno traballo de iniciación. As persoas interesadas neste obradoiro poden inscribirse no 881 937 883.
Para os máis pequenos haberá xogos tradicionais e inchables. E a música correrá a cargo do grupo de gaitas Berros do Castro.
A cita terá lugar no pavillón de San Valentín e, nese mesmo espazo, celebrarase o domingo día 1 de maio a Feira de Segunda Man e Troco.
Debate sobre el post