FERROL360 | Domingo 21 febreiro 2016 | 16:39
A XX edición do concurso de humor gráfico «Curuxa do Humor» de Fene trae importantes novidades. Por primeira vez na súa historia, o premio contempla a posibilidade de presentar traballos realizados dixitalmente e tamén se aceptarán obras redactadas tanto en galego como en calquera das linguas oficiais do Estado.
A concelleira de Cultura e Ensino, Amalia García, explica que este cambio nas bases «responde ao desexo do Goberno Municipal de mellorar e actualizar o certame, adaptándoo aos novos tempos e facilitando a participación no mesmo de artistas de calquera recuncho do Estado».
Os premios económicos non sufren cambios e o gañador da Curuxa Gráfica, para maiores de 25 anos, recibirá 2.000 euros. Nesta mesma categoría contémplase de novo un segundo premio, dotado con 1.500 euros. Mentres que a «Curuxa Nova», menores de 25 anos, recibirá un primeiro premio de 1.000 euros e un segundo premio de 500.
Como participar
Os debuxantes interesados en participar poderán enviar os seus debuxos ata o vindeiro 30 de maio ao Rexistro Xeral do Concello de Fene, Avda. do Concello, s/n, 15.500 Fene, A Coruña.
As obras, de temática libre, deberán ser de creación propia e inéditas. Presentaranse en formato papel e cunha dimensión máxima de 29.7 x 42 cm (A3), mesmo no caso de traballos realizados dixitalmente. Non se admitirán fotocopias nin gravados.
Os traballos poderán estar redactados en galego ou en calquera das linguas oficiais do Estado. Iso si, debe incluírse a traducción ao galego do texto. Tamén se admitirán traballos de humor mudo.
Envío das obras
As obras enviaranse en paquete ou sobre sen remite e facendo constar no exterior «Para o concurso de humor gráfico Curuxa 2016» e a categoría na que concursa. No interior deste primeiro sobre irá a obra, identificada no reverso e a lápis co DNI do autor e o lema co que se presenta ao concurso, e un segundo sobre no que se especificará no exterior a categoría na que concursa , o título da obra e o lema co que participa.
No interior deste segundo sobre incluirase unha copia do DNI e datos de contacto do autor (enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico), un breve currículo e unha declaración responsable expresa de que a obra presentada é da súa autoria, inédita e orixinal. Tamén se achegará na mesma un certificado de titularidade da conta bancaria.
No caso dos concursantes menores de idade, tamén deberán aportar unha fotocopia do DNI do pai, nai out titor legal así como a súa autorización escrita para participar no concurso. O fallo do xurado darase a coñecer no último trimestre deste ano.