FERROL360 | Luns 24 outubro 2016 | 10:01
Este luns 24 de outubro conmemórase o Día Internacional das Bibliotecas. Unha data que os municipios de Fene e Narón celebran con diferentes actos e actividades, encamiñados todos a fomentar a lectura.
En Narón este luns haberá xornada de portas abertas na Biblioteca, a desenvolver de 11:00 a 12:00 para o público adulto e de 18:00 a 19:00 horas para todas as idades. A actividade consistirá nunha visita guiada polo edificio, dando a coñecer así as instalacións á cidadanía, incluso algúns espazos aos que habitualmente non teñen acceso os veciños, como o depósito e o arquivo, entre outros.
As persoas interesadas deben anotarse previamente no mostrador da Biblioteca ou chamando ao teléfono 981.382.173. Durante o día de hoxe tamén terá lugar a actividade «Trocolibros». Na planta baixa da Biblioteca instalarase unha mesa na que se poderán ver os diversos exemplares e realizar o intercambio ou, no caso de así desexalo, levar algún libro aínda que non se deixe outro a cambio.
En Fene celébrase este día na Biblioteca Municipal Xosemaria Pérez Parallé coa actividade englobada no programa Ler Conta Moito 2016 da Xunta de Galicia. Fátima Fernández presentará «Érase unha vez uns zapatos…», unha actividade dirixida a nenos de 4 a 12 años. Entrada de balde ata completar aforo.
No municipio fenés tamén se poñerá a disposición dos usuarios unha mesa de intercambio de libros. Nela que atoparemos libros de todo tipo esperando a ser lidos por alguén. Unha vez que o usuario colla o libro da mesa poderá devolvelo ou non, podendo conservalo se lle apetece. Ao mesmo tempo, poderase deixar tamén algún libro que se teña na casa e que xa non se necesite.
Máis actividades
Narón continuará coas actividades do Día Internacional das Bibliotecas máis aló deste luns. Así, o día 29 de outubroa Biblioteca trasladarase ata a praza de Galicia, de 10:30 a 14:00 e desde as 16:30 ata as 19:30 horas, para que os veciños coñezan de primeira man todos os servizos que se ofrecen na Biblioteca municipal.
Ese mesmo día, entre as 11:00 e as 12:00 horas haberá unha sesión de contacontos a cargo de Manuel Solla, baixo o título «Conto contigo». Xa pola tarde, de 17:00 a 19:00 horas, desenvolverase un obradoiro de chapas personalizadas e graffiti, unha actividade na que de novo a biblioteca e os libros serán o tema central.
Esta última proposta consistirá na elaboración dun mural colaborativo –poderán participar todas as persoas que o desexen, sen necesidade de inscrición previa- feito con lemas escritos polos participantes e aos que ao final dará forma un graffiteiro profesional.
Así mesmo, nas instalacións pode verse estes días a mostra fotográfica «A Biblioteca está presente», na que se destaca o papel das bibliotecas en diferentes ámbitos. A exposición permanecerá instalada ata o 29 de outubro e poderá verse no horario de apertura da Biblioteca municipal.
Debate sobre el post