Publicidad

Fene entrega os galardóns do Concurso Mortadelo e Filemón en Fenicia e edita un catálogo cos debuxos premiados

FERROL360 | Mércores 16 marzo 2016 | 14:30

A Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene acolleu este mércores a entrega de premios do I Concurso Mortadelo e Filemón en Fenicia, un certame no que os participantes tiveron que crear unha composición plástica (debuxo, fotografía ou ‘collage’) situando a Mortadelo e Filemón nalgún escenario recoñecible do municipio fenés.

O acto, presidido polo alcalde Juventino Trigo e a concelleira de Cultura, Amalia García, serviu tamén para presentar o catálogo deste concurso, unha publicación que recolle os debuxos premiados e que foi elaborada polos usuarios do Centro Ocupacional de Aspaneps de Fene.

Ademais, inaugurouse a exposición cos debuxos orixinais que se presentaron ao certame, e que poderá visitarse ata mediados do mes de maio no corredor de acceso á Biblioteca Municipal de Fene (1º andar da Casa da Cultura).

Premiados

Lucía Pereira Bellas gañou na categoría de Educación Infantil co traballo Roubo no Museo. Na categoría de 1º, 2º e 3º de Primaria, a gañadora foi Noa Ferreiro Bellas, alumna do Ceip A Fraga de As Pontes, por Mortadelo e Filemón no Museo do Humor. E Jaime Ameneiros Fernández, alumno do Ceip Centieiras de Fene, foi o gañador na categoría de 4º, 5º e 6º de Primaria, por un traballo presentado co título Exposición Ibáñez.

Na categoría ESO, o gañador foi Daniel Lago Luaces, alumno do CPI  A Xunqueira,  por un traballo presentado co título Casa da espionaxe. E na categoría de adultos, o gañador foi Xavier Picos Rodríguez, do Centro Ocupacional Aspaneps de Fene, por un traballo titulado Mortadelo e Filemón. Un día en Aspaneps!.

Día da Poesía co escritor Pablo Bouza

Por outra parte, a biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé de  Fene conmemorará este venres o Día da Poesía coa presentación do libro de poemas do escritor fenés Pablo Bouza titulado Os privilexios dos somnámbulos. Esta obra resultou gañadora en 2013 da edición número 39 do Certame Literario do Concello de Vilalba e tamén foi  finalista nos Premios da Edición de Galicia 2014, na modalidade de Mellor Libro de Poesía do ano. No acto, que comezará ás 20:00 horas, o autor estará acompañado polo director da editorial Alvarellos, Henrique Alvarellos.

Pero antes da presentación do poemario de Pablo Bouza, a Biblioteca Municipal de Fene acollerá, a partir das 17:00 horas, un taller de poesía para nenos de 8 a 12 anos. Os participantes traballarán con poemas coñecidos e crearán tamén os seus propios versos, rematando o obradoiro coa súa plasmación nun mural que encherán de árbores, flores… e de versos.