Publicidad

Fene prepara un completo programa de actividades para este Nadal con maxia, contos e música

FERROL360 | Martes 8 decembro 2015 | 17:12

A Concellería de Cultura e Ensino de Fene organiza un completo programa de actividades para este Nadal, cun percorrido do Apalpador polos centros escolares, o tradicional certame de panxoliñas, o festival de Nadal das escolas municipais de piano e solfeo e un concerto na igrexa vella de Maniños a cargo do grupo Entrelas.

Así, do 9 ao 17 de decembro, o Apalpador percorrerá os colexios de Fene no marco da actividade Coñecendo ao Apalpador. Trátase dunha sesión de contacontos na que a través de Antón, os nenos feneses descubrirán esta figura galega, un xigante carboeiro que baixa das devesas.

O ciclo de Nadal continuará o sábado 19 de decembro co tradicional certame de Panxoliñas, que comezará ás 20:00 horas no local do CCRD de Perlío. Participarán o Tradicoro (Airiños de Fene), a coral polifónica de San Valentín, a coral Eterna Xuventude, a coral polifónica de Agarimo, a coral polifónica do Pote e as rondallas Estrelecer e Perla do Río.

Coincidindo co comezo das vacacións escolares, o luns 21 de decembro, a Biblioteca Municipal de Fene acollerá, ás 12:00, horas unha sesión de contacontos a cargo do grupo Lisístrata A.C. Nesta función, titulada Un Nadal cheo de contos, os pequenos cantarán panxoliñas e escoitarán historias que falan do sentido destas datas que ás veces son divertidas, outras sorprendentes.

Nesa mesma xornada, o luns 21 de decembro, celebrarase no salón de actos da Casa da Cultura de Fene o Festival de Nadal das escolas municipais de piano, guitarra e solfexo. O recital comezará ás 17.00 horas.

O martes 22 de decembro, ás 12:00 horas, no salón de actos da Casa da Cultura haberá unha representación de A caixiña máxica. Trátase dunha sesión de conto teatralizado e monicreques a cargo de Fanfarra de soños.

Os contos darán paso á máxia na xornada do mércores 23 de decembro. Así, ás 12:00 horas, o salón de actos da Casa da Cultura acollerá o espectáculo Por arte de maxia , a cargo da A.C. Titana. Ese mesmo día, ás 20:00 horas, celebrarase na igrexa vella de Maniños o concerto de Nadal, un recital a capella protagonizado desta vez polo grupo vocal formado por mulleres Entrelas.

A programación cultural de Nadal do Concello de Fene continuará o luns 28 de decembro cun espectáculo de maxia e música, Acordes de ilusión, protagonizado polo mago Martín Camiña e polo músico Álvaro Muras.

E xa para pechar o ciclo, o martes 5 de xaneiro celebrarase na Praza do Concello de Fene a partir das 18:00 horas a tradicional recepción aos Reis Magos de Oriente a todos os nenos de Fene, evento para o que se anunciará proximamente un programa específico.