Publicidad

Fene prepárase para celebrar este sábado a II Festa Mariñeira

FERROL360 | Venres 4 setembro 2015 | 12:54

Os peiraos de Barallobre e Maniños acollerán este sábado a II Festa Mariñeira de Fene organizada polo Concello en colaboración con dez sociedades do municipio. Os integrantes das sociedades, axudados polas Cofradía de Barallobre e PescadeRías, serán os encargados de preparar os diferentes pratos de degustación de mariscos da ría.

Segundo o concelleiro de Promoción Económica de Fene, César Castro, os principais valores e acertos da Festa son tanto os produtos da ría e «as entidades sociais e veciñais que traballan arreo para esta cita». Así, haberá ameixas á mariñeira, fabas con ameixas, chocos da ría con arroz, berberechos e mexilóns de Lorbé ao vapor ou en salsa, entre outros.

A Festa Mariñeira arrancará ás 11:00 horas coa apertura dos postos de artesanía e produtos de segunda man. Ao mesmo tempo disputarase a final do I Campeonato da Chave Concello de Fene e ás 11:30 haberá un obradoiro gastro-sensorial sobre as ameixas no que monitores e cociñeiras ensinarán a distinguir as distintas variedades da ameixa.

Os participantes aprenderán como se capturan e comercializan os bivalvos, que terá a oportunidade de degustalos cociñados de distinto xeito. A actividade conta con prazas limitadas e as persoas interesadas deben apuntarse no teléfono 981.492.767.

Ás 12:15 horas terá lugar o primeiro paseo gratuíto en lancha, que se repetirá ás 18:00 horas. Xa ás 13:00 horas celebrarase o acto de recoñecemento a Staffan Morling, antropólogo sueco investigador das embarcacións tradicionais en Galicia. En concreto do trincado, embarcación que se facía en Maniños e Barallobre.

Ás 14:00 horas comenzará a degustación gastronómica e ás 16:00 horas chegará o tempo dos máis pequenos con xogos tradicionais e hinchables. O grupo de folk Lenda Ártabra será o encargo de poñer a música, a partires das 18:30 horas, e seguiralle na amenización musical Airiños de Fene. Ademais, haberá sorteos de produtos da ría ás 14:00 e ás 20:00 horas.

As sociedades participantes son: Asociación de Veciños de Magalofes; Radio Club Alfa Charlie; Asociación de Veciños de Sillobre; S.C.R.D. Agarimo; Asociación de Veciños de Perlío; Liga de Amigos, de Barallobre; S.C.R. O Pote, de Maniños; S.C.R. O Pote Sección Deportiva, de Maniños AETNA, de Maniños e Asociación de Veciños Santa Eulalia de Limodre.