O salón do Parador de Ferrol volveu converterse nun espazo de reflexión política e social cunha protagonista clara: Ana Pontón. A portavoz nacional do BNG participou nunha nova edición das Conversas do Parador, un foro que busca situar os grandes debates de Galicia tamén desde a mirada local.
Pontón chegou a Ferrol tras unha intensa axenda —incluída a súa recente presenza no Brasil en encontros internacionais vinculados ao desenvolvemento económico— e fíxoo cunha mensaxe nítida: Ferrol ten potencial, pero necesita compromiso político real para desenvolvelo.
Unha cidade con potencial freado
Desde o inicio da súa intervención, a líder nacionalista apostou por un discurso que combinou optimismo con crítica estrutural. «Ferrol é unha cidade cun enorme potencial industrial, enerxético e patrimonial», defendeu, subliñando ademais a súa man de obra cualificada, a súa arquitectura singular e o valor da súa ría.
Porén, ese potencial —sostivo— non se está a traducir en desenvolvemento real.
Pontón foi directa ao sinalar o que considera o problema de fondo: «Falta ambición, falta confianza e falta compromiso político». Na súa opinión, esta carencia foi unha constante durante anos nas distintas administracións, tanto locais como autonómicas e estatais.
O ferrocarril, símbolo do abandono
Un dos eixos centrais da súa intervención foi a situación ferroviaria. Para Pontón, o tren representa o exemplo máis claro do que definiu como «discriminación histórica».
A dirixente do BNG denunciou que Ferrol segue funcionando con infraestruturas «propias do século XIX», con frecuencias e tempos de viaxe «inadmisibles» para unha cidade do seu tamaño.
«As cidades que queden fóra do ferrocarril moderno quedarán fóra do futuro», advertiu, reclamando unha modernización integral da conexión coa Coruña e do trazado de FEVE.
Tamén criticou a incoherencia dos partidos estatais: «Defenden unha cousa en Galicia e fan a contraria en Madrid», afirmou, apuntando tanto ao PSOE como ao PP.
Industria e transición enerxética: promesas incumpridas
No plano económico, Pontón puxo o foco na necesidade dunha política industrial activa. Lembrou os proxectos fallidos vinculados ao naval e criticou promesas que «quedaron en nada», como as expectativas xeradas arredor de Pemex.
Defendeu que Ferrolterra debe recuperar a construción naval civil e apostar por novas infraestruturas como un dique cuberto. «Temos capacidade, temos experiencia, o único que falta é vontade política», resumiu.
No que atinxe á transición enerxética, foi especialmente crítica co seu desenvolvemento actual. Fronte ao que cualificou como unha transición «inxusta», propuxo iniciativas concretas como a creación dun centro de almacenamento enerxético nas Pontes.
A ría, entre o potencial e o colapso
Outro dos puntos máis contundentes do discurso foi a situación da ría de Ferrol. Pontón falou sen rodeos de «colapso», alertando da caída da produción e do impacto económico e ambiental. Aínda que valorou positivamente estudos recentes sobre os sedimentos, insistiu en que «non chega con diagnosticar, hai que actuar». Entre as medidas urxentes, sinalou a mellora do sistema de saneamento e unha rexeneración integral da contorna.
Servizos públicos e vivenda: os grandes retos sociais
A intervención tamén abordou cuestións sociais clave. Pontón criticou o deterioro da sanidade pública, denunciando recortes en atención primaria e a falta de investimento en infraestruturas hospitalarias.
Plantexou mesmo a necesidade dun novo hospital para Ferrol, acompañado de máis especialidades e mellores servizos.
En materia de vivenda, alertou dunha situación «grave», con dificultades crecente de acceso mentres existen vivendas públicas baleiras. Sinalou casos como Caranza ou o barrio de Recimil como exemplos de falta de xestión e de estratexia pública. «Hai algo que non se entende: temos crise habitacional e vivendas públicas pechadas», afirmou.
Ferrol, unha cidade para «pensar en grande»
O peche da súa intervención recuperou o ton máis propositivo. Pontón apelou ao orgullo local e á necesidade de cambiar a mentalidade: «Ferrol é unha cidade magnífica, con futuro, pero hai que pensar en grande». A líder do BNG defendeu que só con ambición política e confianza nas súas capacidades será posible reverter a situación actual.