Publicidad

«Ferrol quere tren»: a campaña do BNG que pide a modernización do servizo ferroviario

FERROL360 | Domingo 6 febreiro 2022 | 16:55

O voceiro municipal do BNG en Ferrol, Iván Rivas, presentou esta semana a campaña coa que os nacionalistas pedirán nas vindeiras semanas melloras no servizo ferroviario na comarca, a necesidade da súa modernización e impulso, que se desenvolverá baixo o lema Ferrol quere tren.

Rivas indicou que a mellora do servizo é un dos principais retos que ten a cidade. Por unha banda, trátase dun eixo fundamental para vertebrar o territorio tanto na contorna coma co resto de Galicia, e tamén é vital para o desenvolvemento económico da cidade e a súa cohesión social.

Salientou Rivas que da actual situación «só sairemos se somos capaces de crear unha demanda social suficiente que faga reaxir aos responsábeis políticos desta situación, o Goberno do Estado e a Xunta de Galicia» e criticou «a situación de abandono na que nos atopamos».

Sostén Rivas que ese desleixo contou «coa complicidade da Xunta tanto cando no goberno do Estado tomaba as decisións o PP como cando o fai o PSOE» e lembrou a visita hai poucos días da ministra de Transporte «sen aportar ningunha solución».

Foi crítico tamén co «silencio cómplice» do alcalde Ángel Mato ante esta situación. O BNG levará a campaña aos diferentes barrios da cidade e desenvolverá iniciativas políticas para dar a coñecer as súas propostas para a recuperación e mellora dos servizos ferroviarios na cidade.

Enumeran, neste senso, a incorporación do by-pass en Betanzos para acurtar os tempos, o aumento do número de servizos á Coruña, a dotación de material rodande igual que o do resto do Eixo Atlántico, modernizar o trazado entre as dúas cidades contemplando a electrificación e dupla da vía e a creación dunha compañía pública ferroviaria galega.

BNG no Parlamento

A reindustrialización das comarcas chegou de novo ao Parlamento galego da man do diputado nacionalista Mon Fernández. «No BNG temos claro que a Xunta ten que ser motor de cambio, de reactivación e de reindustrialización», sinala, engandindo que o vindeiro martes, no pleno da cámara, a batería de propostas inclúe plans específicos para Ferrolterra.

O Bloque aposta por constituír un complexo integral da construción naval na ría de Ferrol, recuperando a construción naval civil e coa I+D+i como principal ferramenta para introducirse nas tecnoloxías vinculadas á descarbonización da mobilidade marítima, así como a entrada da Xunta no consello de administración de Navantia, en aplicación do Estatuto de autonomía e da Lei de fomento do sector naval de Galiza.

De igual xeito, propón a creación en Ferrol dun Centro Tecnolóxico da construción naval de carácter estable en colaboración con Navantia e a UDC e dun Centro para a I+D+i no almacenamento de enerxía nas Pontes. Por último, a formación nacionalista considera preciso articular medidas para empresas concretas dado o importante papel que xogan na economía e o emprego das súas respectivas comarcas.