Publicidad

Ferrol recuperará a Oficina de cooperación e voluntariado

FERROL360 | Xoves 22 outubro 2015 | 18:26

Co obxectivo de impulsar de novo políticas solidarias e de cooperación, o Concello de Ferrol recuperará a Oficina de Cooperación e Voluntariado. Así o anunciou este xoves a concelleira de Benestar Social, Beatriz Sestayo, na rolda de prensa tras a Comisión do seu departamento.

Será no mes de novembro e poranse en marcha cursos de formación de voluntariado e de cooperación, así como os Bancos de Tempo, como proxecto que permite o intercambio de experiencias e de coñecementos e a creación de redes solidarias e de colaboración entre os ferroláns. Tamén elaborarase un censo de entidades sociais e de voluntariado.

Sestayo explicou que se está a organizar unha xornada sobre refuxiados e inmigrantes para informar aos cidadáns sobre a situación actual destes colectivos. Terá lugar na Casa Solidaria e nela informarase tamén da problemática dos refuxiados de Siria e as medidas que está a adoptar o Concello de Ferrol.

A concelleira aproveitou a ocasión para agradecer o apoio recibido por parte da Mancomunidade de municipios ao proxecto da Casa de Acollida de Ferrol, que se presentará aos premios Coopera da Xunta de Galicia.

No ámbito de Muller, salientou o éxito dos cursos gratuítos organizados na Casa da Muller e que superaron as 1.200 persoas inscritas,. Ante a existencia aínda de demanda, a concelleira advertiu que estase a estudar a ampliación dos grupos para ter unha maior cabida.

Mentres, o taller de risoterapia previsto para o vindeiro día 31 de outubro xa ten todas as prazas cubertas.