REBECA COLLADO | Ferrol | Sábado 7 marzo 2015 | 11:53
Este domingo 8 de marzo conmemórase o Día Internacional da Muller. Unha data para reflexionar e poñer en valor o papel da muller nos distintos ámbitos da sociedade. Porque a pesares do que se poida pensar, que o pensamento é libre, as mulleres aínda somos percibidas como o sexo débil, temos un salario menor e moitas son cuestinadas por querer compatibilizar as súas obrigas de nai e muller traballadora.
O da muller nunca foi un camiño doado, e de seguro, nunca o será. Frases como: «pelexar coma unha nena», «chorar coma unha rapaza» ou «correr coma unha meniña», non contribúen a conformar unha sociedade máis igualitaria. Nembargantes, estas frases aínda están presentes nas nosas conversas cos máis pequenos. Por non falar das sexistas e machistas, que moitas veces saen incluso da boca das propias mulleres. Aii as mulleres… canto danos nos facemos a nós mesmas!.
Somos coñecedores de que non todos estades a favor desta data. Cada un ten os seus motivos e son respetables, faltaría máis. Pero en Ferrol360 sí cremos nesta celebración e por iso faremos o noso pequeno recoñecemento a algunhas mulleres marabillosas da nosa comarca. Nas vindeiras horas a nosa compañeira Marta Corral nos contará as súas historias.
Pero antes, os contamos cales son os actos que teñen organizados os Concellos das comarcas para celebrar esta data. Moitas actividades terá lugar ao longo desta xornada, adiantando un día o festexo. Tomade nota, porque aquí van os programas de actos de Ferrol, San Sadurniño, Neda e Ortigueira.
En Ferrol arrancan este sábado cunha campaña para a eliminación de estereotipos e o fomento da corresponsabilidade no fogar. Así, ao longo desta mañá entréganse as persoas que compran nos mercados municipais de A Magdalena, Recimil e Caranza bolsas ecolóxicas, mandís e ambientadores coa lenda da iniciativa «A casa, cousa de todos».
Un total de 1.000 unidades destes produtos serán distribuídos por varias persoas formadas en materia de Igualdade para concienciar sobre o reparto equitativo das responsabilidades domésticas de todos os membros da unidade familiar.
O acto central será o domingo as 19:00 horas no Teatro Jofre, onde se homenaxeará á primeira muller presidenta da Coordinaria de Confrarías da Semana Santa Ferrolá, María del Carmen Arcos Gómez. Ademais deste recoñecemento, proxectarase o documental sobre Emilia Pardo Bazán La condesa rebelde.
Actos en San Sadurniño
En San Sadurniño teñen preparados distintos actos para conmemorar esta data. A celeración arranca este sábado coa presentación da exposición Miradas novas na galería do pazo ás 18:00 horas. Trátase dunha mostra protagonizada por imaxes captadas polas mulleres participantes na edición de 2014 dos obradoiros de memoria.
A continuación se proxectará a curtametraxe producida pola realizadora Xisela Franco dentro do proxecto Chanfaina Lab e protagonizada pola veciña de Ferreira, Cruz Piñón. A curta, titulada Cruz Piñón, será presentada pola autora e a protagonista.
No mesmo acto tamén se proxectará o video Mulleres, froito do traballo colaborativo de 38 mulleres das diferentes parroquias, que achegarán a súa visión sobre o San Sadurniño do pasado por medio dun audiovisual elaborado con fotografías antigas e relatos achegados por ellas.
Xa o domingo, a actriz Ana Hermida interpretará no local social da parroquia de Lamas a obra Miña casiña, meu lar na que fai unha sátira da realidade da muller no seu fogar, reflectindo a crúa situación das mulleres maltratadas, a soidade e a explotación á que se ven sometidas tanto no traballo como no fogar. Será ás 16:30 horas e ao finalizar haberá unha merenda para os asistentes.
Pola súa banda, o Concello ofrece o domingo a partir das 19:30 na Casa da Cultura a representación da obra Raíñas, da compañía Oquetiqueiras. Trátase dunha comedia protagonizada por mulleres que non se conforman coa vida que a sociedade lles fai vivir e que buscan darlle un cambio mentres aproveitan para facer unha divertidísima crítica social.
Dirixida por Luís G. Ramos, a obra conta no seu elenco con Fernanda Martínez, María Polo e Eva Castro. A obra vai dirixida a público maior de 16 anos e a entrada é gratuíta.
En Neda
Neda celebra este sábado o acto central do Día Internacional da Muller. Unha homenaxe pública organizada polo Concello a aquelas veciñas que, ao longo da súa vida, foron exemplo de traballo e sacrificio. O acto, aberto á participación da veciñanza, será na Casa da Cultura, ás 19:00 horas.
Rendiráse tributo a aquelas veciñas da vila que adicaron a súa vida a traballar, nalgúns casos en fornos locais, noutros ao fronte de negocios tradicionamente dirixidos por homes, na ensinanza aprendendo leccións de vida a varias xeracións… A mulleres que, en si mesmas, foron exemplo de vida.
Estas son: Cándida Arribe Díaz, María Ramírez Sachocos, Evangelina Barro Soto, Josefina Castro Castelo, Antonia Martínez Seara, Natividad Yáñez Fernández, Genoveva González Santamaría, Inelia Fernández Penabad, Remedios Bouza Martínez, Josefa Fernández Hermida, Ana Fernández Hermida, Esther Arnosa Vázquez, Teresa Veiga Borreiros, Francisca Gómez Grueiro, Encarnación Castro Díaz, Manuela Luaces Fernández, Isolina Vilariño Lorenzo, Luisa Gil López e Carmen López Fernández.
Actividades en Ortigueira
Ortigueira conmemorará o Día Internacional da Muller con actividades lúdicas, obradoiros e formación para o emprego. Os actos comenzarán o domingo co VI Encuentro de mujeres de Ortigueira a partires das 13:00 horas. Veciñas de todas as parroquias e idades participarán neste evento, que se desenvolverá no restaurante El Planeta de Espasante.
O luns 9 de marzo, o IES de Ortigueira acolle unha actividade destinada a reflexionar cos máis xoves sobre a igualdade real de oportunidades entre homes e mulleres. A iniciativa repetirase no centro social de Ponte Mera, esta vez dirixida ao público adulto.
Para completar a programación haberá actividades formativas dirixidas especialmente ás mulleres e á busca de emprego. Así, o martes 17 de marzo ás 17:00 horas no Antigo Hospital de San Roque desenvolverase o obradoiro «Do lío á idea: muller (e) emprendedora»
Unha xornada formativa sobre motivación ao emprendemento feminino, na que se analizarán as claves para por en marcha un negocio e conquerir resultado exitosos, aproveitando as potencialidades existentes no municipio e analizando casos reales. O prazo de inscripción está aberto no teléfono: 981.402.542.
Debate sobre el post