FERROL360 | Sábado 10 maio 2014 | 12:00
A Asociación de Mulleres Cabanas Rural organiza para o sábado 17 de maio dúas actividades para celebrar o Día das Letras Galegas. As fiandeiras da sociedade estarán exhibindo todo o seu repertorio mentres traballan e, ademais, haberá unha exposición dunhas 600 fotografías onde os visitantes poden ver a vida de Cabanas Rural. A escola de Lavandeira acolle o evento, entre as 16:30 e as 19:00 horas desa mesma xornada.
As fiandeiras de Cabanas Rural son un total de 31 mulleres que, ataviadas cos seus traxes, estarán facendo labores propios do oficio: escarpizando, cardando, fiando, bolillando, calcetando ou bordando. Os visitantes que queiran poderán incluso probar e aprender un chisco de fiado. Tamén haberá unha ampla colección de fusos de varios países, pero en especial galegos, que foron elaborados por un artesán local, José Luis Naveiras.
Asemade, na escola de Lavandeira haberá un espazo adicado a fotografías das fiandeiras e á vida da Asociación de Mulleres Cabanas Rural, creada hai 6 anos. Van ser 600 instantáneas, coas que a organización quere que o público asistente vexa os momentos e andanzas deste grupo. Esa agrupación conta hoxe en día con case 190 socios, tanto mulleres coma homes, e ten xa importancia dentro do que é o concello de Cabanas.