FERROL360 | Domingo 26 xullo 2015 | 12:23
Que os ponteses son uns festeiros non é ningún segredo. E é que quen pode aturar case dúas semanas seguidas de festexos e o derradeiro día dalo todo e máis no fin de festa? A romaría da Fraga congregou este sábado a preto de 50.000 persoas para gozar dunha xornada de música, baile, viño e bo roio coa que poñer o broche de ouro ás Festas das Pontes.
Tal e como marca a tradición, os romeiros construíron ao longo destes días as súas cabañas á beira do río. Cálculase que este ano fixéronse unhas 200 casetas construídas todas con elementos naturais. A sesión vermú coa orquestra Cinema, as merendas e o viño foron o anticipo dun día longo e cheo de festa que ninguén se quixo perder.
Xa pola tarde, subíronse ao escenario Trópico de Grelos e A Requinta da Laxeira. O prato forte da noite estivo adicado aos vellos rockeiros coa actuación do grupo Medina Azahara, que non deixou pasar a ocasión de tocar o dos seus grandes éxitos Necesito respirar.
A verbena estivo amenizada pola orquestra Cinema e BenitoKamelas, que foron os encargados de despedir esta romaría da Fraga e as festas das Pontes.
