FERROL360 | Mércores 2 setembro 2015 | 13:57
CCOO convoca unha folga en Renfe para este venres 4 de setembro en defensa do ferocarril público e o emprego. O paro desenvolverase entre entre as 00:00 e as 23:00 horas pola situación que está a travesar o sector ferroviario con «destrución de emprego, continuas externalizacións, plans de liberalización e privatización, bloqueo na negociación colectiva e incumprimento de acordos».
Nun comunicado, o sindicato indica que a folga está motivada fundamentalmente por tres cuestións: a defensa do servizo público ferroviario, a defensa do emprego e a recuperación da negociación colectiva. CCOO denuncia a falta de avances e incumprimento dos acordos por parte da dirección de empresa, que continúa, xunto co Ministerio, cos plans de privatización e liberalización no sector.
Mentres, o sindicado propón «a integración das empresas públicas ferroviarias nun hólding público e unha moratoria ao plan de liberalización de viaxeiros ata final de 2019, para non se adiantar ao calendario europeo, e a renuncia á venda das Mercadorías».
Tamén critican que non teña negociado un plan de recursos humanos e destacan que é preciso dotar ás empresas ferroviarias públicas de máis recursos, especialmente humanos. Neste senso, estiman unhas necesidades de contratación inicial en 5.600 persoas en Adif e de 1.125 no Grupo Renfe. Ademais propoñen rexuvenecer ó persoal.
En canto á negociación do I Convenio Colectivo do Grupo Renfe, este continúa paralizado, segundo o sindicato, e estan á espera da convocatoria da comisión negociadora desde o día 16 de xuño. Ademais, lembran que sobre a mesa están temas tan importantes como a integración real dos traballadores da extinta Feve.
Desde CCOO advirten que tamén propoñerán novos paros en Adif pola destrución de emprego público e falla de plans de recursos humanos que inclúan novos ingresos, entre outros.