FERROL360 | Martes 30 xaneiro 2018 | 11:14
O Concello de Neda promove a celebración da primeira gala benéfica contra o cancro infantil o vindeiro domingo 11 de febreiro, a partires das 17.30 horas, no pavillón polideportivo. O lema da iniciativa é ‘Que a loita vos acompañe, superheroes’ e o obxectivo da mesma é contribuír con programas de investigación e tratamento contra a enfermidade.
A gala contará con distintas actuacións, que correrán a cargo do club de kárate Zanshin Sport, o mago Dani García, Lucus Neda, alumnos do IES Fernando Esquío, coro solidarium Terra Transancos e os clubes Acordes de Rítmica e Ximnasia Estética e de baile Deportivo Narón, ademais dun bon feixe de actividades.
Así, haberá unha chocolatada solidaria, un obradoiro de maquillaxe da peluquería Boheme, unha exposición de debuxos de alumnos dos CEIP Maciñeira e San Isidro e un sorteo dun agasallo realizado por Carlos García.
Para finalizar haberá baile e desde a organización tamén se invita aos interesados a que vaian disfrazados. As entradas xa están á venda no Concello de Neda, en horario de mañá, e tamén no ximnasio Zanshin Sport, a través dos teléfonos 667 393 192 / 630 903 946 ou de maneira presencial no centro da rúa Coto a partir das seis da tarde.
O prezo será de cinco euros, tanto para as persoas que vaian á gala como para aquelas que desexen colaborar pero non poidan asistir. Os menores de dezaseis anos pagarán só un euro. Desde o Concello de Neda invitan aos veciños e veciñas da vila e de toda a comarca a sumarse á convocatoria e colaborar.
Lucus Neda, o ximnasio Zanshin Sport e Dani Ríos, que será o presentador da gala, coloaboran co Concello na organización desta actividade solidaria.