FERROL360 | Xoves 3 abril 2014 | 16:42
O Pazo da Cultura de Narón acollerá o vindeiro sábado 12 de abril a Gala Solidaria a favor da asociación Alba Pérez, de loita contra o cancro infantil. O evento está organizado pola delegación galega desta asociación, coordinada por Mónica Cereijo, en colaboración co Concello de Narón.
Na Gala participarán o grupo de rap Leo KCH, o ilusionista Martín Varela, o monologuista Fran Nogueira, o dúo cómico Bucanero, o grupo de animación infantil La GuaGua, o Payaso Popín, Susana Seivane, academia de baile Fusion Dance, o cantante Dani Ríos e o artista Víctor Grande.
As entradas están xa á venda nas billeteiras do Pazo da Cultura cun prezo de 5 euros e haberá numerosos sorteos de produtos cedidos polos colaboradores. A concelleira de Promoción Social, Teresa Sabio, fai un chamamento á participación no evento cuxa recadación irá destinada integramente á investigación contra esta enfermidade.
A Asociación Alba Pérez de loita contra o cancro infantil foi creada en marzo do ano 2012 polos pais de Alba, unha nena á que se lle diagnosticou con 5 meses de idade un agresivo sarcoma de Ewing -cancro infantil- e que faleceu tras librar unha longa e durísima loita contra a enfermidade, 5 anos despois.
Debate sobre el post