FERROL360 | Viernes 4 de julio de 2025 | 9:40
A Editorial Galaxia conmemora o seu 75 aniversario cunha exposición itinerante titulada «Crear porvir. 75 aniversario de Editorial Galaxia», que poderá visitarse ata o 30 de xullo na Sede Afundación de Ferrol. A mostra repasa o papel clave da editorial na cultura galega desde a súa fundación en 1950, reivindicando o valor da edición en lingua galega e a súa proxección internacional.
O acto inaugural contou coa presenza do autor Xavier Alcalá; o presidente do Consello de Administración de Galaxia, Antón Vidal; a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; e a coordinadora de Relacións Institucionais de Afundación, Verónica Rego.
A exposición está comisariada por un equipo de referencia encabezado por Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega, acompañado por María Dolores Villanueva e Xosé Manuel Dasilva. O percorrido divídese en catro bloques temáticos que abranguen a literatura galega desde o Rexurdimento ata a actualidade, o ensaio e pensamento, a proxección internacional a través da tradución e a literatura infantil e xuvenil.
A mostra pon en valor o traballo de autoras e autores como Castelao, Blanco Amor, Xohana Torres, Manuel Rivas, Yolanda Castaño ou Xesús Fraga; así como o labor de editores como Carlos Casares e Víctor F. Freixanes. Tamén se destaca a figura dos fundadores da editorial, entre eles Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro ou Francisco Fernández del Riego.
O deseño expositivo, obra do estudo Desoños, configúrase como un bosque de estruturas móbiles que guía ao público nun percorrido visual polos fitos da editorial. A mostra inclúe ademais unha peza audiovisual dirixida por Ana Viqueira e producida por Nós TV, con testemuños de personalidades vinculadas a Galaxia.
Tras a súa estadía en Ferrol, a exposición percorrerá as sete cidades galegas. Está previsto que en setembro e outubro se instale no Café Moderno Afundación de Pontevedra; na Coruña entre outubro e novembro, na Fundación Luís Seoane; e en Vigo, na Sede Afundación, entre decembro de 2025 e xaneiro de 2026.
Con preto de 3.500 títulos publicados e máis de 1.500 autoras e autores no seu catálogo, Editorial Galaxia consolidouse ao longo destas sete décadas como un proxecto clave para a normalización da lingua galega e a modernización cultural do país, recoñecido con distincións como a Medalla de Ouro de Galicia e o Premio da Cultura Galega.