Publicidad

Galicia e Cataluña protagonizan a Galeuscat Cup en As Pontes este sábado

FERROL360 | Venres 12 xuño 2015 | 17:35

As seleccións absolutas de Galicia e Cataluña de Rugby competirán este sábado en As Pontes por ser ás campionas da Galeuscat Cup. O torneo vivirá a súa última xornada no campo do Poboado nun partido que organiza o Concello de As Pontes de forma conxunta co clube local, Fendetestas.

A xornada matinal será de portas abertas para todos os nenos que teñan entre 4 e 15 anos, dando comezo ás 11:00 horas nos campos anexos de O Poboado. Será unha iniciación ó rugby na que os rapaces das canteiras de clubes de Lugo, Vilalba, Ferrol, A Coruña, e As Pontes, uniranse a todos os pequenos inscritos.

Xa pola tarde, ás 16:00 horas, chegará o turno dos adultos, onde os veteráns xogarán un partido que enfrontará a unha selección galega do Norte con outra do Sur. Deste partido sairá a convocatoria para o equipo que xogará o Torneo internacional deste verán en Cervo, no que estará a selección autonómica de veteráns.

I Galeusca Cup

O prato forte será a partires das 18:00 horas, no campo de O Poboado, cun partido no que Galicia e Cataluña se xogarán o título desta primeira edición da Galeusca Cup. O XV do toxo sairá campión se gaña, empata ou perde por menos de dous puntos, logo de ter gañado previamente a Euskadi.

Así que os visitantes traen unha selección moi competitiva, que intensificou os seus adestramentos esta semana, e cunha plantilla composta na súa maioría por xogadores do actual subcampión de liga, o Santboiana.

A organización confía nunha boa resposta do público diante dunha cita única e prometedora. «Confiamos en que a xente veña ver un partido do máximo nivel. O partido que temos en As Pontes era o que todos querían por acabar por converterse no decisivo e esperamos unha resposta acorde co evento», afirma Antonio Ferreiro, presidente do clube local.

A entrada será gratuíta para os máis pequenos, ata os 16 anos. Para o resto estableceuse una prezo único de 5 euros, e o 10 % da recadación total destinarase para a ximnasta Desiré Vila, que perdeu unha perna despois de romper tibia, peroné e os dous meniscos nunha competición. Os interesados poden colaborar aquí.