FERROL360 | Venres 25 outubro 2019 | 10:06
Xa está aquí unha nova edición da Feira de Fungos e Cogomelos,organizada polo Concello das Pontes, que este ano chega ademais ao seu trixésimo aniversario. Durante toda a fin de semana haberá un completo programa de actividades con música, distintas propostas vinculadas á gastronomía, mercado de oportunidades e divertimento para os peques da casa.
A programación arranca este venres cunha saída micolóxica ao monte para amosar ás persoas participantes os distintos hábitats e os fungos que viven neles. Unha actividade organizada coa colaboración do Club de Montaña O Caxado e dirixida polo micólogo José Luis Cuba.
Xa o sábado a actividade dará comezo coa entrega de premios do concurso «O mundo da micoloxía», ás 11:30 horas, no patio do Colexio Santa María. A continuación, na Praza da América, actuará o grupo musical infantil Mamá Cabra e ás 13:00 horas, no mesmo escenario, sesión vermú con Las Antonias. Tomará o relevo Ortiga, cun novo concepto de orquesta.
A gastronomía gañará peso na programación da tarde coa celebración de dous showcookings, serán ás 17:00 e 20:30 horas. Estarán abertos á participación do público e os fungos e os cogomelos serán os principais ingredientes en diferentes propostas culinarias. Correrán a cargo dos cociñeiros Kike Piñeiro, Eloy Cancela e Diego López.
Máis música a partir das 20:00 horas co Festival de Música Coral do Outono. Terá lugar no Auditorio Municipal Cine Alovi coa participación das corais Diapasón, San Roque, Acordes e a Coral Endesa As Pontes.
Ás 20:30 horas a Praza de Amércia voltará a encherse de música co concerto de Natasia Zürcher que fará gozar aos asistentes cun repertorio baseado na música soul e rhythm & blues, dando paso ás 22:00 horas, ó concerto do grupo de folk-pop The Best Boy
Durante todo o día haberá fooktrucks cunha ampla oferta gastronómica, de primeria calidade, elaborada a partir de cogomelos e produtos locais.
Programación do domingo
As actividades programadas para o domingo comezarán ás 09:00 horas coa presentación das cestas participantes no concurso micolóxico que estarán expostas durante toda a mañá na praza de abastos. O fallo do xurado coñecerase sobre as 11:45 horas e repartiranse 1.400 euros en premios. Uxía Lambona e a Banda Molona ofrecerá un musical infantil desde as 12:00 horas.
A música continuará cunha nova sesión vermú na Praza de América coa formación The Sar Swing Quartes. E depois duns bailes, tempo para probar un menú degustación, elaborado polo cociñeiro Antonio Díaz, composto por dous pratos e unha sobremesa, no que os fungos e os cogomelos serán os ingredientes esenciais. O prezo do menú será de 12 euros.
A cita micolóxica rematará, no Auditorio Municipal Cine Alovi, co espectáculo Monólogos interpretado por Carlos Blanco.
Actividades complementarias
Durante toda a fin de semana, na rúa Alexandre Bóveda instalaranse a mostra e puntos de venda de produtos ecolóxicos e naturais do outono, mentres que na Rúa Ramón Cabanillas haberá unha zona destinada á artesanía e alimentación. Ao mesmo tempo, terá lugar unha nova edición do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes (MOVA) situado na Avenida da Coruña.
Na praza de abastos instalarase a exposición «Especies Micolóxicas» na que se poderán contemplar, de 11:00 a 14:00 horas os exemplares recollidos na saída micolóxica deste venres. Ademais, o sábado, nese mesmo horario, a Casa Dopeso acollerá a mostra «O mundo da micoloxía» na que se exporán os traballos escolares realizados polos alumnos do centros educativos da vila con motivo da cita gastronómica.

















Debate sobre el post