FERROL360 | Sábado 5 novembro 2016 | 13:13
A solidariedade volveu reinar un ano máis no Pazo da Cultura de Narón coa celebración do Festival Solidario do Centro de Recursos Solidarios da localidade. Un acto no que o Hiper Froiz Narón foi premiado como «Colaborador do ano» por parte do Concello e da Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón.
A concelleira de Acción Social, Catalina García, e o presidente da Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón, José Manuel González, foron os encargados de entregar o galardón a un representante da empresa.
García agradeceu a colaboración prestada por este establecemento co Centro de Recursos Solidarios, «por doar cada ano alimentos non perecedeiros e axudar en campañas de recollida de alimentos e produtos de hixiene e limpeza convocadas nas súas instalacións».
Neste punto, a edil lembrou que esta distinción está pensada para as entidades que colaboran ininterrompidamente co Centro de Recursos Solidarios de Narón desde a súa constitución, no ano 2012.
«O de hoxe é un recoñecemento a unha empresa concreta», indicou a Concelleira para remarca que desde o Concello fan extensivo este agradecemento a prol da colaboración co Centro de Recursos Solidarios de Narón tanto a outras empresas como a todas aquelas persoas que a título individual realizan donativos para axudar ás familias máis desfavorecidas.
Actuacións
O Festival Solidario comezou coas actuacións de Rocío Varela, Marcos Mella, Hilda Rock, Dani Ríos e Andrés Rodríguez, que compartiron escenario coa monologuista Eva Castro, co mago Deimi e co alumnado da Escola de Baile de Jesús Quiroga.
Debate sobre el post