FERROL360 | Venres 9 xaneiro 2015 | 19:26
O Concello de Ares e a Asociacion Memoria Democrática organizan este sábado unha homenaxe aos republicanos que no ano 1939 fuxiron a Francia no Bou «Ramón». A cita será na Alianza Aresana, a partires das 11:00 horas.
Así, terán lugar dúas conferencias dos historiadores Eliseo Fernández e Enrique Barrera, que falarán sobre a fuxida que protagonizaron os republicanos e as súas consecuencias. A continuación, desenvolverase un obradoiro de memoria no que participarán descendentes dos protagonistas, para contar cómo foron as súas vidas logo da fuxida. Será de 17:00 a 20:00 horas
A xornada completarase cunha representación artística na que participarán o actor Roberto Leal -fillo dun dos protagonistas-, e o músico ferrolán Víctor Aneiros. O acto rematará ás 20:30 horas descobrindo nos xardíns da Alianza un monumento – obra do escultor Miguel Couto – en memoria do 75 aniversario dos feitos.