TEXTO: ALICIA SEOANE | Ferrol | Mércores 18 outubro 2023 | 12:38
Aproveitando o paso de Jaione Camborda polo Duplex cinema da nosa cidade, compartimos unha conversa con ela horas antes da presentación de O Corno. O filme vÉn de levarse a Concha de Ouro no Festival de Cine de San Sebastián. Jaione Camborda é a primeira directora española en obter este premio e por riba cunha proposta en galego. Son moitas boas novas a festexar e outras tantas cousas a falar sobre este filme que deixa pegadas no espectador, tanto pola súa forza visual, como pola temática da maternidade e as súas variantes. Non faremos spoiler da peza, pero para quen aínda non vos achegastes ás salas, vos deixamos algunhas cuestións!
FERROL360 – Como foi xurdindo a historia de O Corno?
JAIONE CAMBORDA – Eu estaba vivindo un momento de facerme cuestións sobre a maternidade no meu propio proceso. Tiña inquedanzas e cuestións sobre o que implica a posibilidade de dar vida, moi ligado neste proceso coa outra cara da vida que é a morte. Me preguntei qué representa e que supón para a muller esa capacidade. No camiño fun atopando fíos narrativos e tamén o fío condutor do filme que para min era a sororidade, e este tema dos coidados entre as mulleres, pero tamén a decisión que temos sobre os nosos corpos, e todo ese aspecto mamífero que ten que ver con todas estas cuestións.
360 – Como fuches ligando eses dous aspectos da maternidade dende a súa parte máis luminosa de dar vida, pero coa parte máis escura e sombría que pode implicar a morte?
JC – Sentín que para retratar o parto para min foi indispensables a miña propia experiencia. Isto axudoume a poder retratar este momento con credibilidade. Pero intentei retratar dende certa formalidade as escenas de parto, sexo e morte, dun xeito moi similar, como unha metáfora, de que son caras da mesma capacidade da muller. Esa posibilidade de dar vida ten tamén un peso. E non sempre é unha cuestión a celebrar.
Eu quería no filme celebrar esta parte que temos que é impresionante de poder dar vida, pero tamén tiña moi claro que é moi importante que teñamos a capacidade de decidir si queremos ou non. A liberdade de decidir sobre o noso corpo.
360 – Por que o título de O Corno?
JC – O corno é unha especie de fungo, en Galicia tamén lle chaman dentón, cornezuelo, ten moitos nomes… é o que ela recolle do centeo, que ten forma de corno. En Galicia foi moi usado e mercadeábase moito con isto, chamábase o ouro negro. É a base doutros medicamentos e dotas sustancias como o LSD. Empregábase tamén de abortivo, e coma acelerador nos partos. Tamén ten algo evocador a propia palabra, como parte do corpo dun animal…
360 – Imaxino que Galicia no tráfico de sustancias e nesa fronteira entre o legal e o ilegal era o escenario perfecto para a túa historia, ou crees que esta historia poderíase contar en calquera outro sitio?
JC – Eu son vasca e creo que podería haber contado esta historia noutro lugar, pero houbera tomado outras formas. As mulleres coa forza que aparecen en Galicia, moi arraigadas á terra e con esa forza telúrica que ten. Todo isto interesábame moito. Tamén ese tema da fronteira do legal o ilegal, da vida e da morte. O tema da fronteira tanto simbólica como real. Unha parte da fronteira tamén entre o eros e o tánatos.
360 – Como foi o tema do casting para elixir as actrices?
JC – A verdade que o casting estiveron mulleres tanto entrenadas no audiovisual, coma sen experiencia. No caso da protagonista Janet Novás, eu sabía que ela se criara no rural e coñecía o seu traballo como bailarina. Ela tiña moita capacidade de transmitir emocións. E ten ese físico arraigado a terra que quería transmitir. No caso de Julia Gómez notábase que ela foi nai fai pouco, é iso foi clave para este papel, aparte de que é unha muller talentosa. No caso de Carla Rivas, foi un casting salvaxe, poque anotáronse miles de adolescentes. O seu caso foi clave porque ela sabe transmitir moito facendo pouco. No caso de Anabela, a portuguesa caboverdiana, fixemos as probas en Lisboa, e de casualidade dimos con ela, que estudou arte dramático e fixo moi bo papel…
360 – Hai outro tema no filme, que ten que ver coas diferencias de clase dentro das mulleres…
JC – Neste caso interesábame xerar coma mulleres espello, onde unhas pódense ver noutras. Coma unha forma de poder verse na pel da outra. Empatizar. Nese mesmo sentido, interesábame a idea de como en comunidade podemos cruzar xuntas fronteiras.
360 – Como te sentes coa acollida e o premio que ves de levar en San Sebastián?
JC – Pois estou contenta porque este ruído mediático que xera o premio nos deixa acceso a un público que doutro xeito non viría as salas. Dalgunha forma o cinema de autor xera moita distancia no público e este tipo de premios te permite que máis persoas podan achegarse a estas historias. O filme foi un proceso que levou catro anos e agora toca celebrar… logo xa veremos!
Debate sobre el post