Publicidad

Lavado de cara aos locais sociais das entidades de Neda grazas a un plan municipal

FERROL360 | Martes 26 xuño 2018 | 9:22

O Concello de Neda promove a mellora dos locais sociais das entidades da vila a través dun plan municipal de axudas directas ás asociacións, que teñen por obxecto a conservación das sedes das entidades.

O goberno local destinou preto de 20.000 euros a este programa no ano 2017. Unha cantidade que xa fixo posible o cambio de persianas na entidade de Anca, a renovación dos aseos na Cobeluda e a reparación do tellado en Ancos, entre outras intervencións.

O alcalde de Neda, Ángel Alvariño, afirmou que o obxectivo é manter nas mellores condicións posibles unhas instalacións que son públicas e mesmo por contribuír á modernización duns locais que desempeñan unha importe función de socialización e de difusión da cultura e do deporte.

En canto ás axudas directas, Alvariño lembrou que se incrementou nun 100 % as contías e puxo ao día as convocatorias que representan no seu conxunto un total de 18.000 euros de cartos públicos
para o fomento das actividades, cultura e o deporte que están promovidas polas 25 entidades da vila.

O alcalde avanzou que as subvencións deste ano están a piques de ser convocadas. Unha vez saian no Boletín Oficial da Provincial haberá vinte días de prazo para presentar as solicitudes nas oficinas do Concello.