FERROL360 | Xoves 8 outubro 2015 | 14:09
O teatro e a música tradicional daranse cita esta fin de semana no Pazo da Cultura de Narón coas actuacións de Leilía e da compañía Teatro do Atlántico. Así, este sábado, ás 20.00 horas, a compañía Teatro do Atlántico representará a obra O principio de Arquímedes e este domingo ás 19.00 horas actuará o grupo de cantareiras e pandereteiras Leilía.
As persoas interesadas en asistir poden adquirir xa as entradas na taquilla do Pazo a un prezo de 9,50 euros para o público en xeral e 6,65 para abonados, persoas con carné xove ou de estudante e desempregados. O prezo é para cada unha das actuacións.
O horario para o despacho de billetes, que poderán adquirirse o mesmo día dos actos, é de de luns a venres desde as 10.30 ata as 14.00 e de 18.00 a 20.30 e os sábados de 10.00 a 13.00 e desde as 17.00 ata as 20.00 horas.
O principio de Arquímedes é unha peza dramática dirixida por Xúlio Lago que protagoniza un adestrador de natación de alumnos infantís sobre o que recae a sospeita de que poida ser un pederasta. O medo apodérase dos personaxes, que cada vez parecen estar máis convencidos das acusacións contra o adestrador, o que leva a presenciar algúns actos de violencia.
No que respecta á actuación musical, as seis voces femininas que compoñen o grupo Leilía interpretarán temas do seu último traballo, Consentimento Interior, un álbum que viu a luz no ano 2011. A formación, con cinco discos no mercado, creouse no ano 1989 e desde entón realiza unha importante contribución á recuperación da música tradicional galega.