Publicidad

Luisa Merelas ou Gonzalo Uriarte visitan Narón coa última obra do CDG

FERROL360 | Luns 21 abril 2014 | 13:01

O Centro Dramático Galego achega ao Pazo da Cultura de Narón a súa última representación teatral, logo de ser estreada o pasado mes de marzo en Santiago.

Longa viaxe cara a noite poderá verse este sábado a partir das 20:00 horas no auditorio naronés.

Os actores Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán protagonizan este drama dirixido por Manuel Guede Oliva. Nel interpretan aos Tyrone, unha familia norteamericana onde cada un dos seus membros sofre dalgunha problemática. James é un actor sen éxito que non foi quen de formar o auténtico fogar que algún día desexou; Mary, a súa muller, é presa dunha adicción imposible; Jamie, o fillo maior, é alcohólico; e Edmund, un mozo soñador enfermo de tuberculose.

Longa viaxe cara a noite é a adaptación dunha obra con trazos autobiográficos do dramaturgo estadounidense Eugene O’ Neill, Premio Nobel de Literatura e catro veces gañador do Premio Pulitzer.

Para poder asistir á función, dirixida ao público maior de 14 anos, será preciso mercar as entradas na billeteira do Pazo da Cultura. Os prezos oscilan entre os 6,65 e os 9,50 euros.

Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán compoñen o elenco artístico de 'Longa viaxe cara a noite'
Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán compoñen o elenco artístico de ‘Longa viaxe cara a noite’