FERROL360 | Xoves 6 outubro 2016 | 14:07
A concelleira de Feiras e Mercados de Narón, Mar Gómez, presentou este xoves o programa da décimo sexta edición da Feira do Mel, que se celebrará no recinto feiral do Trece este sábado e domingo. A cita contará coa participación de máis de 40 expositores de produtos ecolóxicos e artesanais co mel como principal reclamo.
Así, cóntase coa presenza de pequenos e medianos produtores hortofrutícolas, como legumes, queixos, marmelos, aceites, infusións ou cervexas, así como doutras manufacturas en coiro, madeira, xoiaría en prata ou cosméticos, entre outros. A feira desenvolverase en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
Como en edicións anteriores, está prevista a participación activa dun bo número de membros da delegación de Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura –AGA-, que aproveitarán a ocasión para dar a coñecer a súa actividade e atenderán ás persoas interesadas nesta actividade que cada ano ten máis adeptos.
A edila Mar Gómez animou a veciñanza de Narón e do resto da comarca a se achegar a fin de semana ao Trece para gozar dunha xornada na que a gastronomía ocupará novamente un lugar moi importante, con degustacións de balde de diferentes produtos, mais na que haberá tamén actividades paralelas dirixidas nomeadamente ás crianzas.
É o caso dos inchables e os obradoiros de monicreques de cartón. Tanto a rapazada como as persoas adultas poderán participar tamén nun pequeno magosto amenizado cunha actuación musical as dúas xornadas, de 12:00 a 14:00 horas.
Debate sobre el post