FERROL360 | Xoves 11 setembro 2014 | 13:46
Un grupo de 32 persoas con discapacidade usuarias de Cogami-Ferrol embarcarán no veleiro Laion para realizar unha travesía pola ría de Ares. A actividade terá lugar este venres e sábado e os participantes aprenderán nocións básicas sobre a navegación a vela, a realización de nós mariñeiros e tamén o manexo do temón.
Os participantes dividiranse en catro grupos de oito persoas cada un (dous o venres e dous o sábado). Embarcarán durante a mañá en horario de 11:00 a 14:00 horas e durante a tarde en horario de 16:00 a 19:00 horas.
A navegación do Laion forma parte do Proxecto Gavea (Galicia Vela Adaptada), que cada verán organiza travesías co fin de achegar a navegación ás persoas con discapacidade. O Laion pasou de ser un barco incautado ao narcotráfico pola Audiencia Nacional para cederllo en garda e custodia a unha entidade que pertence a Cogami, a asociación Adisbismur.
A embarcación conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar ás persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco.
O control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador, permitindo a gobernación do barco a calquera persoa.
Debate sobre el post