FERROL360 | Xoves 8 decembro 2016 | 14:07
Música, teatro, obradoiros para todas as idades, exposicións e actividades deportivas cun enfoque lúdico compoñen a programación de Nadal de Fene. Son máis dunha vintena de eventos entre os que salientan a visita do Apalpador aos centros de ensino, os espectáculos infantís, as exhibicións das escolas de música e dos coros das entidades veciñais.
A programación arrancará este sábado día 10 pola tarde no Pavillón da Xunqueira, que acollerá a VI Exhibición solidaria de baile moderno e bailes de salón na que participarán clubs e escolas de toda a comarca. A entrada é gratuíta, pero pídeselle ao público que achegue produtos alimentarios non perecedoiros que despois se distribuirán entre as familias do municipio con menos recursos.
A primeira das citas culturais será o martes 12 e o mércores 13 de decembro coa visita do Apalpador aos centros de escolares do municipio. Unha visita na que o carboeiro do Courel agasallará aos nenos e nenas con lambetadas ecolóxicas ao tempo que lles deixará ensinanzas relacionadas co respecto pola natureza, a recuperación da tradición cultural e os hábitos saudables.
Xa o sábado 17, a partir das 20.00 horas, as corais do municipio actuarán no local do CCRD de Perlío co gallo do XVI Festival de panxoliñas Concello de Fene. Actuarán sete formacións locais nun concerto acaído a estas datas que organiza a Rondalla Perla do Río.
Ese mesmo día pola mañá haberá un torneo de minikatas de judo no Pavillón da Xunqueira. A entrada é gratuíta, pero pídeselle ao público que achegue produtos alimentarios non perecedoiros ou xoguetes que despois se distribuirán entre as familias do municipio con menos recursos.
Festival de Nadal
O luns 19 de decembro terá lugar o Festival de Nadal coa actuación das escolas de solfexo, piano e guitarra, que se celebrará no salón de actos da Casa da Cultura a partir das 17.00 horas. Esta non será a última cita melódica, xa que a igrexa parroquial de Limodre acollerá o xoves 22 a partir das 20.30 horas, un concerto do Tradicoro Airiños de Fene organizado pola asociación veciñal.
O 20 de decembro ás 18.00 horas, a ilusionista Fani Triana encherá coas súas ‘Fantasías’ a Casa da Cultura e ao día seguinte á mesma hora tocaralle a quenda ao espectáculo da compañía Ghazafelhos ‘Iriña Bailarina’, na biblioteca pública municipal «Xosemaría Pérez Parallé». A obra -orientada a alumnado de infantil e primaria de máis de 3 anos- abonda sobre a igualdade de xénero e a eliminación de estereotipos sociais a través de personaxes e dunha trama adaptada á infancia.
A biblioteca municipal albergará o xoves 22 ás 12.00 horas os ‘Nanocontos’ de Raquel Queizás. Son pequenas historias protagonizadas por monicreques de animais co obxectivo de estimular a percepción e a psicomotricidade das crianzas de 0 a 3 anos, espertando ademais a súa atención e o interese polo mundo que as rodea.
Máis programación deportiva
O Concello tamén organizou xornadas de Xogos acuáticos en familia na piscina municipal de Centieiras os luns, venres e domingos desde o 22 de decembro ao 8 de xaneiro. Haberá tres quendas de 45 minutos entre as 12 e as 13.30 horas e nelas poderán participar tanto a rapazada como persoas adultas, que serán as únicas que deberán pagar entrada.
O prazo para apuntarse naquelas actividades que requiran inscrición previa permanecerá aberto do 9 ao 19 de decembro. A solicitude deberá formalizarse no Pavillón da Xunqueira. Os eventos deportivos continuarán na tarde do venres 23 de decembro coa III Exhibición de ximnasia artística do Nadal no Pavillón do Ramo
Por último, a programación deportiva do Nadal tamén inclúe un curso introdutorio ás Técnicas de defensa persoal para maiores de 12 anos que terá lugar no ximnasio da Casa da Cultura os días 26, 27, 28 e 29 de decembro. Serán sesións gratuítas de unha hora e media de duración a partir das 17.30 horas.
Ademais, nas mañás dos luns, mércores e venres desde o 27 até o 4 de xaneiro, a aula e mailo ximnasio do polideportivo da Xunqueira acollerán o Campamento Lúdico de Nadal para Peques, dirixido a rapazada nacida entre o 2008 e o 2013. A actividade ten un prezo de 15,70 euros e oferta 25 prazas.
A Xunqueira tamén será escenario dun obradoiro de patinaxe, cos mesmos días e horarios que o campamento pero con quendas diferenzadas para menores e para persoas adultas, e da iniciativa ‘Xogamos, obradoiro multideportivo de Nadal’, que está pensada para maiores de 6 anos. Desenvolverase os días 27 e 29 de decembro e o 3 e 5 de xaneiro polas mañás.
Maxia, guiñol e San Silvestre 2016
Un clásico na programación do Nadal é o ilusionismo, na Casa da Cultura haberá unha actuación o martes 27 ás 12.00 horas co ‘Profesor máxico’ e outra ao día seguinte á mesma hora protagonizada polo Gran Pedrini e a súa ‘Chisteira máxica’.
O último espectáculo escénico correrá por conta da ‘Bruxiña do Nadal’ de Tiemaiseu Teatro. Vai para nenos e nenas de infantil e primaria e entra de cheo na maxia destas datas cunha proposta de guiñol e personaxes ao vivo. A cita é o xoves 29 ás 12.00 horas no salón de actos da Casa da Cultura.
A carreira popular San Silvestre 2016 chegará o día 30 para percorrer as rúas do Concello a partir das 17.30 horas. As inscricións poderán formalizarse ata o día 27 e farase unha recollida de alimentos cun longo período de conservacións, como é o caso dos cereais, as conservas, a pasta, cacaos en pó, chocolates, azucre, arroz, etc.
Cabalgata dos Reis Magos
A noite máis máxica do ano, a do 5 de xaneiro, irá precedida da tradicional cabalgata dos Reis Magos do Oriente, que sairá de Perlío ás 18.00 horas percorrendo a avenida Marqués de Figueroa e rematando o seu traxecto diante do Concello, onde as Súas Maxestades escoitarán as peticións infantís. A cabalgata rematará cunha festa infantil no serán dun día onde é obrigado recollerse cedo.
Xa para despois de Reis, os días 7 e 8, quedou fixado o Torneo de Fútbol sala que disputarán na Xunqueira equipos formados por clubs locais e escolas deportivas.
Debate sobre el post