Maite López, das cantareiras Gradaille: «A poesía oral é de autoría colectiva e feminina»

Gradaille son o grupo de pandereteiras e cantareiras do Coro Toxos e Froles. Falamos coa directora no Día das Letras Galegas
Letras Galegas 2025 cantareiras de Gradaílle-2

ALICIA SEOANE | Sábado 17 de maio de 2025 |

Este ano o as Letras Galegas están dedicadas á poesía oral e ás cantareiras, que coa súa voz e os seus cantares, mantiveron viva unha tradición e con ela a propia lingua. Aínda que o premio recae sobre sete mulleres, está dedicado a todas elas.

Das sete mulleres que personificarán o premio, catro aparecen no Cancioneiro de Dorothé Schubarth: Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda, ou Asunción Garrido e Manuela Lema, de Mens. Tamén Eva Castiñeira, de Muxía.

Para celebrar esta data tan especial este ano, achegámonos ao coro con máis anos de historia da cidade: o Coro Toxos e Froles, que tivo a súa orixe no seo da orquestra de pulso e púa «Airiños d’a miña terra». O  nacemento do coro, remóntase a finais de 1914, por iniciativa do gaiteiro Manuel Lorenzo Barja, operario do Taller de Forxa do Arsenal que xunto con Luis Amor Soto comezaron  a darlle forma ao nacemento dun Coro Galego na cidade de Ferrol. Foi no Jofre, un ano despois, cando o Toxos e Froles levou a cabo a súa primeira actuación, xustamente no mes de maio.

As cantareiras e pandereteiras do Coro Toxos e Froles, que levan o nome de Gradaille polo muíño situado en Pedroso, comezaron a súa andaina a mediados dos anos 90, e non sería ata o ano 2000 cando empezaron a actuar como grupo titular. Maite López, actual directora do grupo, recíbenos para falar sobre esta bonita tradición oral que segue a manter viva a nosa lingua.

Maite López comezou moi nova, con catorce anos, no mundo do tradicional galego, na sección da banda de gaiteiros de Trasancos, e cando xa tiña dezanove, comezou a facer as súas primeiras recolleitas. «Naquela época íamos no coche dalgunha compañeira, porque nos daban algunha referencia, pero non era como agora; chegabamos un pouco á porta fría».

Ademais, as recolleitas facíanse por zonas, dependendo do que quixeramos investigar. «Hoxe está todo gravado e temos un acceso máis doado. Pero isto mantívose porque existiu ese ‘boca a boca’. Foi un coñecemento que se transmitiu de xeito horizontal, entre mulleres principalmente, pero tamén con homes», engade.

No repertorio do Toxos e Froles das cantareiras de Gradaille, toman moitas cancións de Eva Castiñeira, unha das homenaxeadas deste ano. A directora do grupo encárgase de elixir o repertorio, a orde dos temas, e unha vez á semana, unhas trinta persoas ensaian. «Somos doce mulleres que sabemos e máis unhas quince que están a aprender con nós», engade a directora.

Na actualidade, o fenómeno tradicional está a rexurdir nas voces de xente nova, que mestura letras e cantigas tradicionais con ritmos contemporáneos. «Este fenómeno está popularizando moito un traballo que vimos anos facendo desde estes grupos, e estanse a facer cousas bonitísimas».

Recoñecer todo o traballo que fixeron con gusto e de xeito altruísta e por amor á arte, todas as mulleres, é algo que para moitas persoas era necesario. «Case toda a tradición, desde os cantos de berce ata os cantos do traballo, non teñen autoría; son de todas as mulleres, a autoría é colectiva e feminina».

Relacionadas