FERROL360 | Venres 3 xullo 2015 | 13:29
As augas están revoltas na parroquia de Limodre, en Fene, polo peche sorpresivo da escola de educación infantil, segundo informan nun comunicado a Sociedade de Instrucción Hijos de Limodre, a ANPA da EEI Campanario de Limodre e a AVV de Limodre.
As entidades explican que no mes de xuño a inspectora do centro deu aviso á mestra para que informara aos pais dos alumnos que tiñan que facer o traslado de matrícula a outro centro porque en Limodre non poden impartir o curso primeiro de primaria.
Pero os proxenitores non seguiron esa indicación porque manteñen que nun escrito da Consellaría de Educación, asinado polo delegado provincial en abril do ano 2000, autorízase a este centro a impartir o ciclo de primaria. Con todo, a inspectora mantén que se vai pechar o centro escolar e que os pais teñen que realizar o cambio, sempre segundo a versión das entidades.
O seguinte paso a dar por parte das tres asociacións foi remitir un escrito á Consellería de Educación no que solicitan que se aclare a situación da escola, «posto que hai cinco nenos que teñen feita a reserva de praza e son suficientes para manter o centro aberto».
Aberto o prazo de matrícula, o día 20 de xuño, a mestra informa aos pais que non vai facer efectivas as matrículas dos pequenos por orde expresa da inspectora, ao que eles contestan que non van realizar o cambio de matrícula porque non existe ningunha resolución por escrito sobre o peche da escola. Os proxenitores tentan tamén poñerse en contacto coa inspectora sen éxito.
Ante esta situación, deciden presentar por rexistro un escrito no que se solicitan explicacións sobre este asunto e, pola súa banda, a mestra fai efectivas as matrículas o día 26 de xuño ao non ter resposta a un correo electrónico que remitiu á inspectora.
Pero o día 29 a mestra comunícalles aos pais que tivo que dar marcha atrás á formalización das matrículas por orde da inspectora e entregoulles un escrito comunicando o peche da escola e a necesidade de realizar un cambio de matrícula para os cinco escolares.
Os pais quéixanse de que se lles entregou esa información cando xa non tiñan tempo para facer trámite algún e sen unha explicación real do motivo do peche. Desde as entidades critican que non se cumpriu o procedemento correcto de preinscripción e matrícula e non se abriu un prazo para realizar a matrícula dos nenos noutro cento.
As entidades consideran que «se obviou deliberadamente os procedementos habituais» e que mediante «o intento de engano e as ameazas» conseguiuse evitar que na escola houbera unha matrícula mínima de cinco nenos que aseguraría o seu mantemento outro ano máis. Ademais, indican que a día de hoxe non teñen resposta por parte da administración explicando o acontecido.
Debate sobre el post