TEXTO & FOTO: ALICIA SEOANE | Xoves 21 decembro 2023 | 12:40
Nestas datas de Nadal, resulta complicado lembrar o que xuntaba ás familias ao redor dunha mesa para celebrar as festas. Co paso do tempo, o Papá Noel substituíu aos Reis Magos, e a cor vermella da Coca-Cola triunfou. As apreturas, os agasallos, os encendidos das luces, a lotaría, as ceas de empresa, de amigos, de calquera cousa que implique comer ata estourar, é para moitos, sinónimo deste tempo.
Nun segundo plano queda un acto relixioso que moitas persoas continúan a celebrar. Achegámonos a unha igrexa de Ferrol, Santa Uxía de Mandiá, para falar sobre a Igrexa e sobre o futuro dunha institución que só pode evolucionar cara un modelo máis horizontal e participativo, cun papel fundamental da muller. Non só porque a sociedade é máis feminista, senón porque é a que máis asiste ao culto, e porque a muller está en contacto dunha maneira diferente coa vida, e coa sororidade, algo que parece que se impón por necesidade se a Igrexa quere sobrevivir ao ritmo que marcan os tempos.

O caso de Mandiá non é un caso illado, senón un exemplo de facer Igrexa na comarca. Cando comezamos a falar co grupo de mulleres que agora mesmo continúan coa vida desta parroquia, axiña me decatei de que materializar este tipo de experiencias non é unha tarefa fácil. As persoas habituámonos a estruturas de relacións verticais onde a parte colaborativa e de corresponsabilidade require moito esforzo e tamén xera, en moitos casos, certa desconfianza. Unha parte deste grupo de mulleres compartiu a súa experiencia, os seus testemuños quedan aquí reflectidos, pero por respecto a elas, a súa identidade non aparecerá revelada.
O movemento cara a unha Igrexa máis horizontal na parroquia de Mandiá comezou un par de anos antes da pandemia, cando o padre Xaquín Campo Freire, naquel momento párroco, decidiu cambiar de rumbo e continuar a súa formación, o que o levaba a deixar atrás a parroquia. Sendo un convencido de que o seu papel non era imprescindible nela, e confiando en que se podería continuar máis alá da súa propia persoa.
Un Nadal coincidiu coa enfermidade do párroco durante as festas, e as mulleres que acudían á misa e amigas de Xaquín preguntáronlle como podían facer para continuar co culto. Nese momento e pola propia situación, o propio padre animou a este grupo de mulleres a que elas mesmas levaran a iniciativa nas celebracións da misa. Facéndolles saber que nada do que estaban a facer era nin estraño, nin alleo á propia institución, «todo o que se vén facendo en Mandiá xa estaba dentro da propia institución da Igrexa, sobre todo a partir do Concilio do Vaticano II. Este tipo de experiencias onde a comunidade é protagonista do traballo da parroquia vén facéndose en África e América Latina dende os anos 60. Aquí xa chegamos tarde», explica o sacerdote.

Tras a caída do franquismo, e coa irrupción do feminismo, moitas institucións foron cambiando. A ensinanza e o sistema sanitario viviron importantes cambios, foron renovándose. Porén, a estrutura da Igrexa quedou nun limbo: dunha parte, moitas persoas dispostas a crear estruturas máis participativas, doutra banda unha estrutura vertical con moita presenza: «Temos a sorte de que o feminismo entrou con forza en todo, non só nas institucións, senón na natureza da vida, e entra con forza en vos. Cada muller que poida destacar, temos que facer que destaque, porque ademais de que as mulleres están moi preparadas, elas teñen un contacto coa intuición e a propia vida que, a nós, nos falta», valora Xaquín.
Este movemento feminista enténdese non só como algo que atinxe á propia muller, senón que cambia as estruturas e a forma de entender as xerarquías, non se trata de que unha muller substitúa a un home, neste caso a un cura, senón que a forma de facer sexa coral e non piramidal.
A estrutura máis vertical da Igrexa vai quedando obsoleta, entre outras razóns pola falta de curas; se a Igrexa quere poder seguir ofrecendo un servizo ás comunidades para poder articular a vida espiritual dun pobo, non ten máis remedio que facerse coral: «O culto non é un acto pasivo onde vou escoitar algo e me marcho. Require dun compromiso e de que se volva un acto de compartir de forma participativa. Como foron nos seus inicios as primeiras comunidades cristianas», comenta unha das mulleres.

Esta experiencia forma parte do que se coñece como Unidades Pastorais dentro da Igrexa, unha nova forma de organización que non queda adscrita á parroquia que che toca polo lugar onde vives, senón dunha forma de organización que require dun traballo en equipo, e de corresponsabilidade. «Isto fai que xa non haxa tanta dependencia do propio sacerdote, senón que haxa unha estrutura que organice a vida, e a dinamización das parroquias, onde varias unidades pastorais poden reagruparse baixo o Consello Pastoral, que sería unha estrutura superior, que agrupa a persoal eclesiástico e tamén persoal laico e de asociacións cristiás», explícanos Nieves Espiñeira.
A día de hoxe é complicado que o mesmo párroco poida chegar a dar misa en todas as parroquias que lle corresponderían, como lembra Ana Solloso: «O párroco de Mandiá leva outras parroquias que son A Graña, Brión, Serantes e Marmacón; el non pode ir a dar misa todos os domingos a todas, así que imos rotando. E os domingos que el non pode vir, nós facemos a celebración da Palabra, e damos o Corpo de Cristo consagrado que nos deixa o párroco unha vez ao mes».

O importante destas estruturas é que teñan verdadeira vida e que sexan auténticas comunidades, pero xerar esta conciencia desde a base non é sinxelo. Moitas persoas na parroquia ao principio miraron con recelo o feito de que un grupo de mulleres se puxese ao mando da misa dos domingos, incluso moitas persoas nun primeiro momento deixaron de ir e posteriormente se reengancharon. Como explica Ana Solloso, «é importante que a xente non nos vexa como unhas substitutas dun párroco, nós o que queremos é que a igrexa non peche, e que pouco a pouco o resto da comunidade se anime a participar da propia celebración da palabra. Nós non queremos ser protagonistas de nada».
Este grupo de mulleres que se atreveron a tomar a palabra antes de votar o peche, só desexan que, pouco a pouco, máis persoas se animen a participar da celebración do domingo e da vida da propia parroquia, posto que son conscientes de que elas soas non poden facer que a parroquia continúe: «A Igreza facémola entre todas e todos», valora unha delas.
Imaxinar o futuro da igrexa pasa por ver un horizonte cercano máis horizontal e participativo con moitos cambios a todos os niveis, como que os curas poidan ter parella, e as misas poidan ser impartidas por mulleres, iso xa non é unha utopía porque, como di Nieves Espiñeira, «é que non queda outra, ou isto ou desapareceremos».
Debate sobre el post