O escritor e xornalista galego Manuel Rivas participará este martes 12 de maio nunha nova sesión dos Faladoiros Literarios, o ciclo promovido polo Concello de Ferrol e o Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña para fomentar o encontro entre autores e lectores arredor da literatura e da actualidade cultural.
A cita terá lugar ás 19.00 horas na capela do Centro Cultural Torrente Ballester e permitirá ao público achegarse á traxectoria e pensamento dunha das figuras máis destacadas da literatura galega contemporánea.
Nado na A Coruña en 1957, Manuel Rivas licenciouse en Ciencias da Información na Universidade Complutense de Madrid e iniciou moi novo a súa carreira xornalística en medios como Ideal Gallego, La Voz de Galicia, El País ou a Televisión de Galicia.
Considerado unha das voces máis relevantes das letras galegas actuais, desenvolveu a maior parte da súa obra en galego, sendo ademais traducida a numerosos idiomas e adaptada ao cinema e á televisión.
Entre os seus títulos máis coñecidos destacan ‘O lapis do carpinteiro’, ‘Que me queres, amor?’, ‘Todo é silencio’ ou ‘Ela, maldita alma’. Ademais, o relato Vivir sen permiso inspirou a coñecida serie televisiva homónima.
Ao longo da súa carreira publicou poesía, novela, relato curto, ensaio e teatro, acadando importantes recoñecementos como o Premio Nacional de Narrativa en 1996 ou o Premio Nacional das Letras Españolas, concedido en 2024 polo conxunto da súa traxectoria.
Dende a organización destacan que os Faladoiros Literarios están concibidos como «un espazo de diálogo aberto entre escritores, profesionais da comunicación e público lector».
O ciclo continuará o vindeiro 19 de maio coa participación dos escritores Xulio Valcárcel e Medos Romero.