FERROL360 | Xoves 21 maio 2015 | 17:49
María Rodríguez Porto declárase unha apaixonada da pintura e imparte clases en diferentes lugares. Asegura que ese contacto cos seus alumnos e, tamén ter estudado Psicoloxía, fanlle empatizar cos problemas reais dos veciños e prodúcenlle «unha inquietude persoal por mellorar a nosa sociedade que me levou a involucrar na política municipal».
A candidata de Converxencia Galega á Alcaldía de Narón afirma que os eixes da súa vida son a familia e as amizades. Tamén indica que procura gozar da vida sinxela, o deporte e o contacto coa natureza.
FERROL360 – Un problema, unha solución: Cooperativa de Pedroso
MARÍA PORTO – O problema e moi grave e as solucións complicadas. Unha solución podería estar en que esta cooperativa fora absorvida por outra como pode ser a cooperativa do val e deste xeito poder sacála adiante.
360 – Que proxectos a desenvolver con outras administracións son irrenunciábeis para Narón nos
vindeiros catro anos? E que dependan so do goberno local?
MP – O novo Centro de Saúde, o saneamento rural e un novo colexio na zona do Alto. Por parte do goberno que os veciños participen máis activamente nas decisións politicas e saiban cada euro que se gasta no seu concello.
360 – Destaque tres iniciativas do seu programa
MP – O meu programa ten tres compromisos básicos: coas personas, aumentando o gasto social; co emprego, coa posta en marcha dunn Plan Integral de Emprego; e coa democracia participativa e a transparencia, onde entre outras cousas poremos en marcha o primeiro Orzamento Participativo de Narón para que os veciños e veciñas decidan directamente a que se dedica unha parte do diñeiro que é de todos.
360 – Cales son as súas propostas para impulsar o emprendemento?
MP – O noso programa contempla un Plan Integral de Emprego que ten un punto específico dedicado ao emprendemento. Entre as distintas medidas que tomaremos, estarán a creación dun servizo de asesoramento e orientación para novos emprendedores que dea respostas ás súas dúbidas máis frecuentes, promover o autoemprego e a creación de novas empresas ou cooperativas, axilizar ao máximo os trámites necesarios ou crear viveiros de empresas e espazos de coworking en instalacións municipais.
360 – Narón acadou os 40.000 habitantes, que iniciativas propoñe para continuar na senda do crecemento?
MP – Temos que seguir atraendo industrias aos nosos polígonos, mellorando e ampliando no posible os espazos verdes, dotando de máis servizos (novo centro de saúde, colexio no Alto). As bases xa están sentadas e a ampla porcentaxe de poboación nova garante un futuro demograficamente dinámico.
360 – Que foi o mellor e o peor deste último mandato?
MP – En termos xerais, penso que o mellor foi demostrar á cidadanía que é posible formar un goberno unitario formado por catro sensibilidades políticas cando se é capaz de antepoñer os intereses de Narón aos intereses partidistas. Neste sentido, a nosa cidade foi un exemplo para toda Galicia e quen quedaron en evidencia foron os partidarios do non polo non.
360 – En xeral, séntese satisfeita do traballo realizado?
MP – Estou razoablemente satisfeita. En Turismo había todo por facer e puxemos as bases para o desenvolvemento dun proxecto a medio prazo. Estes dous anos e medio fixéronseme demasiado curtos para a magnitude do reto, así que por suposto quedan aínda moitas cousas por facer, pero o balance é positivo.
360 – Con quen estaría disposta a pactar, con quen non, e por que?
MP – O meu único pacto é cos meus veciños e veciñas. A partir de aí, o noso papel sempre vai ser construtivo, sexa desde a oposición ou desde o goberno, como xa o foi neste mandato que remata. Presentamos máis de 30 mocións e todas foron aprobadas, tanto cando estabamos na oposición como cando nos tocou gobernar.
Gustaríame engadir unha cousa: xamais vou pactar con aqueles que pensan que en política vale todo e que utilizan Narón como medio para os seus fins políticos, como instrumento de cambio. Por iso digo: o meu único pacto é cos meus veciños.
360 – Por que se presenta como candidata á Alcaldía?
MP – Porque teño unha profunda vocación de servizo e moitas ganas de traballar para mellorar a calidade de vida dos meus veciños e veciñas. Como di o meu slogan, sinto verdadeira Paixón por Narón e iso é o que me move a ser candidata.
Debate sobre el post