FERROL360 | Mércores 11 febreiro 2015 | 14:45
A partires de agora, o Concello de As Pontes será o responsable da explotación, mantemento e conservación da estación depuradora de augas residuais. Así, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas entrega á administración local esta instalación, que foi rematada no ano 2012; durante este tempo, a Xunta asumiu a súa explotación.
Cómpre lembrar que esa actuación contou cun investimento de máis de 4 millóns de euros e foi executada por Augas de Galicia. A depuradora contribuirá a mellorar a calidade das augas do río Eume, ao tempo que mellorará o sistema de saneamento do municipio beneficiando a preto de 20.000 habitantes.
En canto ás especificacións técnicas, trátase dunha depuradora biolóxica de lodos activados mediante sistema de aireación prolongada con eliminación de nitróxeno e fósforo, estabilización e deshidratación de lodos e desinfección por raios UV-C. Implicou a disposición de 1.872 metros de colectores e 1.253 de impulsións. Ademais, ten tres unidades de bombeo e un tanque de tormentas.
Na estación depuradora existe unha liña de auga na que se realiza o tratamento primario mediante bombeo de entrada e tamiz de desbaste e desareador e o tratamento terciario coa desinfección por raios UV-C. A EDAR tamén conta cunha liña de lodos na que se bombean e deshidratan os mesmos.
Plano depuradora de As Pontes

