FERROL360 | Martes 9 xuño 2015 | 14:23
O vertedoiro incontrolado atópase no límite oeste do parque natural das Fragas do Eume, na parroquia de Ombre, Pontedeume. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de iniciar os traballos de limpeza deste vertedoiro, que ocupa unha superficie de 4.000 metros cadrados e que se atopa nunha zona de especial protección.
Así, os traballos consisten na carga e transporte a un xestor autorizado de todos os residuos existentes no vertedoiro, así como o reperfilado dos noiros e a rexeneración da superficie afectada polas obras con especies autóctonas. A Xunta de Galicia investirá 330.000 euros nesta actuación.
A Comunidade de Montes Coto de Trapa Pouso e Fonte de Maio denunciaron a existencia deste vertedoiro. Pola súa natureza, crese que se trata dun máis antigo que o xa selado pola Consellería en 2003. Na súa parte alta, localízase un terreo de recheo que limita cun camiño que á súa vez separa o antigo vertedoiro dunha canteira xunto á estrada AC-144.
En setembro de 2014 executáronse traballos de roza ao longo de todo o perímetro do vertedoiro, realizándose unha serie de catas para determinar as características dos residuos depositados, as cales foron acompañadas dun levantamento topográfico para determinar as súas dimensións.