FERROL360 | Lunes 23 de marzo de 2026 | 11:00
A Agrupación Instrutiva de Caamouco, acolleu este domingo o pase aberto ao público da peza teatral ‘Non precisamos perdoar’, un dos proxectos gañadores dos Premios Luísa Villalta 2025 que convoca a Deputación da Coruña. O acto contou coa presenza da deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Sol Agra, e da deputada de Plans Provinciais, Cristina García, que acompañaron o equipo artístico nesta primeira posta en escena.
Durante a súa intervención, Sol Agra foi contundente ao afirmar que «na ditadura franquista non houbo nada bo para as mulleres, só tortura, represión e sumisión», incidindo na necesidade de recuperar a memoria histórica desde unha perspectiva feminista.
A deputada subliñou que a historia do denominado Patronato de Protección a la Mujer evidencia «dúas cousas terríbeis: a Igrexa foi cómplice activa da ditadura militar franquista e o corpo e a vida das mulleres foron campo de batalla para os fins fascistas».
Ademais, Agra advertiu de que coñecer agora os testemuños das vítimas, décadas despois, pon de manifesto que «a suposta transición democrática validou a barbarie máis dunha década e as mulleres vítimas seguiron esquecidas da historia».
No eido da xustiza e da reparación, a responsable provincial lembrou que «perdoar é unha decisión individual» e que «perdoar non borra o feito», ao tempo que destacou que «as mulleres foron discriminadas até na barbarie e invisibilizadas na historia das vítimas».
Unha obra sobre a represión e o control das mulleres
A obra ‘Non precisamos perdoar’, escrita por Eugenia Manuela Sanmartín Alonso, aborda a existencia do Patronato de Protección a la Mujer, unha institución franquista creada en 1941 para exercer control social sobre as mulleres, especialmente as máis novas.
A proposta escénica constrúese a partir dos testemuños de sobreviventes destes centros e do traballo de investigación de Belén López Cillero, autora do estudo Nacionalismo e patriarcado. Entre as voces recollidas destaca a de Consuelo García del Cid, quen definiu aquel sistema como “un sistema absolutamente nazi, unha Gestapo española contra as mulleres, da que ninguén falou”.
A peza conta con música orixinal de Barahúnda, escenografía e vestiario de Helga Méndez, e está interpretada por Sonia Ruiz Parra, Cristina Moreira e Ángel Simón, que tamén asume a dirección xunto coa autora.
Oito proxectos premiados pola igualdade
O Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade recibiu nesta edición un total de 22 propostas, das que o xurado seleccionou oito iniciativas premiadas cun máximo de 12.500 euros cada unha.
Estes galardóns recoñecen proxectos que combinan calidade artística, impacto social e perspectiva feminista, contribuíndo a visibilizar as desigualdades, recuperar a memoria das mulleres e promover novos relatos que avancen cara á igualdade real.
