FERROL360 | Venres 28 setembro 2018 | 10:02
O Auditorio municipal de Narón acolle este venres a cuarta edición do programa Mulleres en vermello, unha convocatoria organizada pola Asociación de Amigos do Corazón (Amicor) e na que colabora o Concello de Narón, con motivo do Día Mundial do Corazón.
A cita, que leva por lema: «O meu corazón, o teu corazón»,dará comezo ás 19.00 horas e durante 120 minutos os asistentes terán a oportunidade de coñecer de primeira man a experiencia profesional e persoal de varias mulleres. Participarán a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro; a médico Ana García; unha matrona, unha bióloga, a directora e unha profesora do colexio Jorge Juan e unha paciente do centro de saúde de Narón.
As mulleres que participan neste foro respostarán a unha serie de preguntas que se lles formularán con motivo do Día Mundial do Corazón. Durante este evento actuará alumnado do Conservatorio de Música Xan Viaño de Ferrol, que tocará pezas de arpa, violín e piano, e ao final, sobre as 20.30 horas, está previsto un concerto da cantante galega Mercedes Peón.
As persoas que desexen asistir teñen que entregar ese mesmo día na entrada do Auditorio, como mínimo, un quilo de alimentos non perecedoiros, de roupa ou de calzado, que se doarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón.